Convenio histórico para dar vida a un poblado singular de Galicia
O pasado 25 de febreiro o Consello da Xunta deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Arzúa para a mellora do núcleo de Ribadiso. Un proxecto que é unha vella demanda do goberno local e que onte daba un paso máis ao procederse á firma do acordo, de man do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e do alcalde arzuán, José Luis García. A firma tivo lugar xunto ao albergue de peregrinos do núcleo de Ribadiso, polo que discorre o Camiño Francés.
O Goberno galego vai investir máis de 272.200 euros na pavimentación de 508 metros cadrados de calzada e na zona de colectores. Ademais, dotarase ao lugar dos servizos de recollida de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga potable e alumeado público, e instalarase mobiliario urbano, como bancos de pedra e cunchas de bronce.
“O acordo contribuirá a ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago e da súa contorna e neste caso, coa posta en valor do núcleo de Ribadiso, coa fin de incrementar a atención aos peregrinos”, sinalou o vicepresidente primeiro.
E é que este núcleo arzuán é un dos puntos que atravesa o Camiño Francés, declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade e “é a ruta máis transitada por peregrinos de toda as nacionalidades, polo que precisa dunha especial protección e atención para presentar a súa mellor cara neste Xacobeo”, apuntou Alfonso Rueda.
O vicepresidente explicou durante a súa visita a Ribadiso que “Galicia estará preparada para recibir aos viaxeiros cando se recupere a mobilidade”. Nesta liña, apostou por “seguir a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e cun Camiño seguro para recuperar a confianza dos turistas e dos peregrinos en canto a situación sanitaria o permita”, sentenciou ao respecto.
De feito, tal e como indicara o rexedor arzuán ao recibir a confirmación do convenio, esta actuación “suporá un gran impulso ao sector turístico, que constitúe hoxe en día un dos piares fundamentais da economía do noso municipio”.
É por iso, engadiu o vicepresidente primeiro, que a Xunta “traballa na posta en marcha de medidas como o seguro coronavirus para presentar a Comunidade como un destino confiable e de calidade, así como as actuacións necesarias no Camiño de Santiago, tanto na ampliación e mellora da rede pública de albergues como na conservación e sinalización das rutas xacobeas ou da súa contorna”, subliñou.
En canto a mellorar a imaxe do Camiño, o Goberno galego ademais de convenios como este tamén convocou en 2021 a orde de axudas destinadas a concellos e particulares para a mellora paisaxística e ao embelecemento das rutas xacobeas, que este ano incrementou o seu orzamento en 300.000 euros cunha dotación de 1,5 millóns de euros.
Na convocatoria do pasado ano 2020, máis de 117 proxectos beneficiáronse deste apoio do Goberno galego para favorecer a restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, xunto con traballos de naturalización e embelecemento do trazado. Todo co obxectivo de pór en valor a paisaxe e a cultura vinculadas ao Camiño.
do Camiño”
Alcalde de Arzúa
O rexedor arzuán sinalou que a sinatura deste convenio “supón unha recompensa a moitos meses de traballo por parte do goberno local”. Apuntou que se trata “dunha actuación moi importante que vai permitir mellorar e pór en valor un dos núcleos máis senlleiros e fermosos do Camiño de Santiago”, sentenciou o alcalde.
José Luis García aproveitou a visita ao municipio do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para agradecer “o seu interese en atender a petición que trasladamos dende Arzúa para a recuperación dun núcleo que ten sido lugar de tránsito e descanso de milleiros de peregrinos nos últimos anos e que agardamos que así o siga sendo en canto a situación sanitaria o permita”.
Hai que lembrar que este proxecto é unha antiga demanda do goberno local arzuán.
A reforma integral do núcleo arzuán de Ribadiso confirmábase o pasado 25 de febreiro, unha nova que dende o Concello recibían entusiasmados, dado que este proxecto é unha demanda do goberno local que vén de moi atrás. Onte procedeuse á firma do acordo que, dende logo, permitirá ao Concello darlle unha mellor benvida aos peregrinos no próximo Xacobeo. O sector turístico quedou moi afectado pola pandemia do coronavirus, polo que toda axuda é pouca para reactivalo. Ribadiso contén o único hospital antigo de peregrinos do Camiño Francés por Galicia que mantén a súa función asistencial a día de hoxe. Trátase de feito dun dos albergues mellor valorados polos peregrinos e, agora, a súa fama aumentará.