Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cre o ladrón que todos
son da súa condición

    OUTRA VEZ máis, e cada día unha nova falacia. Moi ao noso pesar, temos que defendernos de novo ante unha das múltiples mentiras e manipulacións dos grupos contrarios. E, neste último caso, tócanos defendernos de, directamente, insultos.

    Agora din que esta asociación está creada por traballadores da mina, e que a empresa Cobre San Rafael inscribe a persoas que están no paro na nosa asociación. Dito doutro xeito: intentan desacreditarnos, aos máis de 1.300 veciños e veciñas que formamos esta asociación, apelando á nosa suposta “ignorancia” e “submisión” a unha empresa.

    Para empezar, non somos só persoas en paro. Somos máis de 1.300 veciños e veciñas da zona que defendemos un futuro industrial, a industria e a dignidade dunha profesión histórica, con diferentes situacións laborais. Por outro lado, non necesitamos que ningunha empresa nos inscriba en ningún sitio: creádelo ou non (xa sabemos que vos sentides nunha posición intelectual e moral moi superior á dos demais), temos opinión propia e decidimos formar parte da asociación pola nosa propia iniciativa e sen que ninguén nos obrigue.

    Creada por traballadores da empresa? Nun principio si, (non é o mesmo formada por traballadores que dirixida pola empresa...), pero actualmente dirixida polos veciños, somos unha asociación múltiple e diversa, e foi creada por unha razón moi concreta: defender o noso futuro. Hai, efectivamente, traballadores, pero tamén extraballadores mineiros e doutros sectores industriais, e veciños e veciñas da mencionada zona que cren na industria, no futuro e na nosa comarca.

    Dicides que foi creada co “único obxectivo de fragmentar a maioritaria oposición da veciñanza”. Maioritaria? Iso é o que dicides vós, e a base de repetir unha mentira mil veces credes que acabaredes construíndo unha verdade. E non, se alguén quere fragmentar, sodes vós, que seguides a cegas a vosa postura do “non” sen sequera escoitarnos, ignorando todo o que dicimos e subestimando a nosa loita e as nosas opinións.

    Que pasa, vós si podedes crear unha asociación contraria, e nós non podemos crear unha a favor? Como podedes sequera chegar a pensar que é unha empresa a que nos inscribe nunha asociación, como se non tivésemos criterio propio? Acaso vós facedes iso? Compra de followers? Por que vos costa tanto aceptar que poida haber xente que queira seguir a nosa páxina de xeito voluntario? Esa actitude de afirmar que só un mesmo ten a razón absoluta e os demais nos dedicamos a enganar e a facer todo tipo de artimañas é do menos democrática.

    Por favor, aceptade a diversidade de opinións. Aceptade que hai moita xente que non pensa coma vós, e que iso é unha realidade, e non unha consecuencia dalgunha estratexia maquiavélica creada por unhas persoas malas malísimas que están captando xente en paro (que polo feito de estar en paro, parece que non teñen ningún tipo de criterio) para a súa escura loita.

    Sinxelamente, é inaceptable a vosa última disparatada mentira. Por favor, deixade de dicir disparates. Non sabemos que tipo de artimañas estades a facer vós para poder chegar a pensar que os demais tamén as faríamos.

    Podemos admitir manipulacións, pero non descualificacións nin insultos á nosa dignidade e tampouco á nosa intelixencia.

    Somos máis de 1.300 veciños e veciñas (e cada día seremos máis) os que, cos nosos medios e baixo a nosa propia vontade, defendemos o noso futuro. Porque cremos na industria como forma de vida, cremos nos nosos profesionais, na nosa zona e temos a esperanza de que algún día se frene o declive demográfico ao que estamos condenados.

    Polo amor e respecto que lle temos á nosa terra e á nosa xente, imos seguir defendendo o Proxecto Touro, e calquera oportunidade de futuro sostible para a comarca.

    En canto á situación actual dos regos da mina, todos sabemos como están e non o ocultamos, pero tamén dicimos que dende hai 30 anos ninguén se preocupou por eles nin fixo nada por melloralos; agora que a Asociación de Mineiros consegue que se presente un proxecto para solucionar o tema das augas opoñédesvos a que esa situación mellore (de verdade queredes que se solucione ou é oposición a todo o que se faga?).

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.