Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Veciños das parroquias arzuás de Oíns, Dodro e San Martiño de Calvos xa pensan en mobilizacións despois do abandono no que se sinten // As pistas, algunhas delas de conexión coa autovía entre Santiago e Lugo, presentan un estado deplorable // Están cansos de reclamar no Concello TEXTO M. Boo

De oca a oca... e buraco que toca

Son moitos os veciños de Arzúa que estaban moi felices coa apertura ó tráfico da autovía que separa Santiago e Lugo. Os tempos de viaxe, tanto á capital galega como á lucense, acórtanse moito. Pero as alegrías, como na casa do pobre, duran ben pouco. Porque os habitantes das parroquias de Oíns, Dodro ou San Martiño de Calvos padecen un auténtico calvario para conectar coa vía de alta capacidade ou para trasladarse polo municipio.

O estado das pistas é deplorable. Propio doutros tempos, aqueles nos que as corredoiras eran as vías máis abundantes e máis utilizadas en Galicia. O certo é que como unha imaxe vale máis que un milleiro de palabras, nada mellor que amosar unhas fotografías dalgunas desas pistas. É coma se mister fochancas se trasladara a vivir a Arzúa.

A ninguén se lle ocurriu contar cantas fochancas hai, nen tampouco o número de coches afectados por uns buracos que coa choiva están tapados co conseguinte perigo para uns conductores que non saben o que as rodas dos seus vehículos poden atopar debaixo da auga e por uns baches eternos que incluso semellan ser invisibles nas zonas sombrías desas pistas. E xa non digamos do dereito a circular por viais dignos. Porque os veciños destas parroquias tamén pagan impostos.

Non se entende. E máis cando os usuarios do veciño municipio do Pino ven como os seus gobernantes prepararon a pista de Ferreiros para que todos poideran acceder á autovía por un vial en condicións e recén reformado para dar cabida tanto ós coches como ós camións.

Coa apertura da A-54 aumentou de xeito significativo o tráfico por estas pistas, sobre todo pola que une O Couto e Salceda, que ademáis de presentar un firme que semella ser unha paisaxe lunar polo número de cráteres, carece de sinalización. A situación agrávase porque moitos camións cargados de madeira utilizan esas pistas para cruzar para a parroquia de Oíns.

A situación ata se torna en anecdótica cando un veciño da zona, canso de que moita xente se equivocara e seguira de frente para acceder á autovía, pintou unha plancha indicando o sentido correcto. Dese xeito moitos conductores foron directos á autovía e xa non se achegaron á parroquia de a San Miguel de Cerceda, que pertenece a O Pino, a donde antes chegaban por error.

E ás veces as situacións xa non son tan simpáticas xa que hai quince días un conductor non esquivou un deses baches con fondo difícil de adivinar para esnaquizar unha roda e quedar a metros de acabar no río.

Consideran os veciños que corresponde ó Concello arranxar estas pistas porque nunca na vida viron que a Deputación ou a Xunta fixeran obra algunha e sí comprobaron como antes os traballos corrían a cargo do propio Concello.

É por eso que, según din os veciños, xa se enviaron en repetidas ocasións fotografías e queixas á concelleira de Obras, a socialista Begoña Balado, sen recibir de momento resposta algunha e desde logo sen ver que se fixera nada ó respecto. Vendo que non consiguen nada polas boas, estudan agora emprender algún tipo de mobilización para que arranxen esas pistas tan esquecidas.

24 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.