Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Concello investiu en ambas actuacións un total de 60.000 euros, e deles, 40.000 foron aportados pola Xunta // Adquiriu, xunto con Mesía e con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, unha rozadora e tamén un cortacéspede TEXTO Alba Prada

Frades cubre o parque de Ponte Carreira e mellora o pavimento

O Concello de Frades, co apoio da Xunta de Galicia, vén de levar a cabo no municipio melloras tanto ambientais como nas súas infraestruturas. Onte acudiu ata a vila a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, onde estivo acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e os concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro, e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos.

A comitiva oficial comprobou os traballos na contorna da praza de Ponte Carreira e, en maior medida, no parque infantil, no que a Xunta colaborou na súa cubrición e ampliación a través da Orde de infraestruturas de uso público. Esta liña de axudas conta cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior, e precisamente na convocatoria deste ano prima os proxectos de cubrición de parques infantís. En ditos labores, o goberno local investiu un total de 60.000 euros, e deles, 40.000 foron aportados por Vicepresidencia.

As obras incluíron a substitución do pavimento de caucho do parque público, así como a cubrición do parque infantil, “xa que a outra parte do parque está cuberto polas propias árbores”, apunta Rey Martínez. Ao mesmo tempo, reparáronse, pintáronse e repuxéronse algúns elementos dos xogos do parque infantil, e instaláronse dous novos: unha tirolina e unha cama elástica. Estas dúas novidades emprazáronse nunha nova área da praza de Ponte Carreira, a carón dos aparatos de ximnasia saudable para a terceira idade e sobre un novo pavimento de caucho continuo. Tamén se procedeu á substitución do pavimento que rodea estes parques infantís da praza de Ponte Carreira por outro de formigón impreso, “moito máis seguro”, sinalan fontes municipais.

Posteriormente, a comitiva desprazouse ata Mesos, onde se sumou o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias. Natalia Prieto puido comprobar a nova maquinaria que ambos municipios veñen de recibir para a realización de labores de recuperación e conservación medioambiental. Trátase de dúas máquinas rozadoras e dous cortacéspedes profesionais que foron adquiridos por 51.274 euros á empresa Maquinaria Agrícola Carpintero SL. A compra destas catro máquinas profesionais fíxose con cargo á subvención concedida polo Fondo de Compensación Ambiental, promovido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia.

Esta non é a primeira vez que os Concellos de Frades e Mesía se xuntan para adquirir maquinaria con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. En novembro de 2013, ambos municipios investiron os 70.000 euros achegados pola Xunta de Galicia na compra, precisamente, doutros dous tractores cortacéspede e dúas rozadoras.

A directora xeral de Administración Local destacou a aposta de Frades, xunto con Mesía, por “unha xestión eficiente dos recursos dispoñibles”. Deste xeito, as axudas solicitadas de forma conxunta para a protección do medio ambiente e o medio natural recibidas nos últimos anos supera os 333.600 euros. Neste exercicio o investimento da Xunta en Frades ascende a 116.600 € nas actuacións no parque de Ponte Carreira e nos servizos de protección do medio ambiente.

O PROTAGONISTA
“Eliminamos as zonas esvaradías”
Roberto Rey
Alcalde de Frades

As obras de cubrición e ampliación do parque infantil de Ponte Carreira, que contaron cunha achega de 40.000 € por parte de Vicepresidencia, permitiron “reparar os problemas de desgaste do pavimento da praza de Ponte Carreira, eliminando as zonas esvaradías, así como cubrir a zona do parque infantil e instalar dous novos xogos, como son unha tiroliña e unha cama elástica”, explica Roberto Rey. Respecto ás novas máquinas rozadoras e cortacéspedes profesionais que tanto Frades como Mesía adquiriron con cargo á subvención concedida polo Fondo de Compensación Ambiental, o rexedor fradense agradeceu o compromiso da Xunta con ambos concellos, pois “esta maquinaria é moi necesaria para poder facer traballos de recuperación e conservación medioambiental tales como a mellora das nosas prazas públicas, paseos, as nosas áreas recreativas ou rutas”.

{ A OLLADA }
Conservar e arranxar
A. Prada

eSTE ANO grazas á orde de Infraestruturas de uso público, son moitos os concellos de Área que están a cubrir os parques infantís. É dende logo unha subvención que redundará no beneficio dos máis pequenos e pequenas, ao poder xogar ao aire libre tamén nos días de chuvia. Ademais, a través desta liña de axudas, estanse a mellorar estos espazos, facéndoos moito máis seguros para a cativada. Por outro lado, a través do Fondo de Compensación Ambiental, os municipios están a adquirir ma quinaria profesional que lles axudarán a protexer e manter en bo estado o medio natural. Conservar as rutas ou as prazas públicas é fundamental para facer máis atractiva unha vila non só aos habitantes, senón para os turistas ou peregrinos.

12 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.