Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Frades recuperou o seu verán tradicional pero con seguridade

Volven as excursións,
o cine ao aire libre, as propostas deportivas
e actuacións musicais

Cos meses de verán chegan tamén as vacacións escolares e é por iso que o Concello de Frades ten xa deseñado un amplo programa de actividades dirixidas especialmente para os nenos e nenas. Unhas propostas coas que se recuperan todas as iniciativas tradicionais de edicións anteriores pero que se desenvolverán dacordo coas recomendacións das autoridades sanitarias para facer fronte á pandemia, e coa obriga de realizar inscrición previa no Concello de Frades (981 695 567 ou 981 695 663) en todas as actividades. A excepción das excursións, son todas de balde.

A primeira das propostas terá lugar o vindeiro 17 de xullo na Praza de Ponte Carreira, ás 20.30 horas. Trátase da actuación musical de Paco Nogueiras, que levará ao municipio o espectáculo Radio BuleBule. O día 23 toca sesión de cine ao aire libre na praza pública de Ponte Carreira. O filme que se emitirá é Frozen II. Xa na xornada do 25 é o turno dos xogos populares para toda a familia. Unha actividade na que se dará a coñecer un dos paxaros máis cantaruxeiros da nosa fauna: o paporrubio. Será no Campo da festa de Galegos ás 18.30.

O 30 de xullo está prevista unha segunda sesión de cine. Pinocho 3000 é o nome da película que se poderá visionar na Praza de Ponte Carreira ás 22.30 horas. Para o 31 están previstas dúas actividades. Por unha banda, organizarase un campionato de pesca infantil na área recreativa da piscina municipal a partir das 10.00 horas. Está dirixido aos menores de 16 anos e todos os participantes deberán acudir acompañados por un adulto e levar cana e cebo. Ao remate da xornada entregaráselles un agasallo e farase unha merenda.

O 31 de xullo, Frades despide o mes celebrando o Día do Neno na piscina municipal de Papucín. A partir das 16.00 horas os pequenos e pequenas desfrutarán do tren turístico, xogos, inchables, guerra de globos de auga e merenda. Asemade desfrutarán do espectáculo musical Rockeando con Ramona Órbita de Pakolas.

O mes de agosto estrearase cunha andaina de doce quilómetros que sairá de Ponteceso ao Monte das Pías, senda de Anllóns e despois dunha camiñata por un paseo de madeira visitando ao Rego dos Muíños, para pasar polo castro de Borneiro, Vilaseco e rematar esta etapa no dolmen de Dombate. O prezo é de 10 euros.

O 6 de agosto está prevista unha actividade moi especial: unha visita ao Aquapark de Cerceda (0-4 anos de balde, os demais empadroados 5 euros e os non empadroados, 8 euros). Sairase do Concello ás 13.00 e volverase ás 20.00 horas. O Concello subvencionará o transporte.

O 6 de agosto regresa o cine ao aire libre con Sonic. Será na Praza do centro de saúde de Abellá. O 7 de agosto desenvolverase unha xornada cultural para toda a familia e o mesmo día está programada unha ruta de sendeirismo na área recreativa Os Pasos de Aiazo (é de balde).

O 13 de agosto volve o cine con Donkeyxote e o 28 toca deporte co campionato de pádel e o Día da bicicleta. Xa en setembro, o 11, está prevista unha excursión a Tui. Por certo que tamén está aberta a piscina municipal e están en marcha os Xoves de Praia e os campamentos.

Será obrigatorio o uso de máscaras nos transportes ás actividades, cuxo desenvolvemento queda supeditado ás condicións sanitarias.

03 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.