Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Máis de tres mil persoas seguiron a Festa do Queixo

Conectáronse dende diferentes países e diversas partes de España // Retransmitíronse en streaming todas as propostas

A pesar de que a 46 edición da Festa do Queixo de Arzúa foi a máis atípica vivida ata o momento por mor da pandemia; os organizadores lograron elaborar unha programación online suficientemente atractiva como para conseguir que se conectasen ao longo da fin de semana máis de tres mil persoas de distintos países. Segundo explicaron houbo usuarios activos queixeando por internet desde países como Arxentina, EE. UU., Canadá, Reino Unido, Portugal, Francia, Italia, Holanda, Suiza, Bélxica e Rusia. Por suposto, tamén seguiron as propostas en streaming curiosos de diferentes partes de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Valladolid. Segundo fontes da organización “a web recibiu en 48 horas un 84% de novos visitantes”.

O Concello arzuán chamouna Edición xs por estar dedicada especialmente aos nenos e nenas e tamén polo seu programa de pequeno formato e adaptado ao celebrarse totalmente online, con retransmisión en streaming desde a web www.festadoqueixo.org.

O programa abriuse o sábado 6 de marzo ás 11.00 horas cun pregón compartido, protagonizado e escrito de xeito colaborativo polo alumnado dos centros educativos da vila. Foi lido desde a capela da Madanela por un representante de cada colexio. Aurora Varela, concelleira de Cultura, foi a encarga de abrir o acto e dar paso a Hugo Mera, estudante de 3º da ESO do IES de Arzúa, Manuel Alamancos Balboa, do colexio Nosa Señora do Rosario, Celia Zapata de 5º de Primaria do CEIP de Arzúa, e María Senín, que cursa o 1º ciclo de actividades comercias do centro EFA Piñeiral.

As actividades continuaron o sábado cos showcooking dos restaurantes 1930 Hotel Boutique e Casa Chelo. Nelssy Soriano, chef do primeiro, elaborou un tótem, é dicir, un entrepan de dobre tradición galega. A continuación, María José Sanmartín, de Casa Chelo, preparou unha orixinal ensalada temperada con sardiñas afumadas e queixo de Arzúa. Tamén tiña lugar na tarde do sábado unha charla denominada Os queixos galegos no tempo da COVID, que se celebrou no set instalado na Capela da Madanela. A proposta consistiu nun debate entre os representantes dos Consellos Reguladores dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, Arzúa-Ulloa e Queixo do Cebreiro. “A organización considerou citar aos catro representantes dos nosos queixos con DOP, mais por dificultades de última hora dous dos consellos non puideron estar fisicamente presentes”, sinalan. Ortiga foi o encargado de pechar a xornada presentando o seu álbum debut Chicho & sus chichas. Este artista compostelán aposta por novos sons e conta cunha gran proxección a nivel estatal.

Onte a edición virtual acollía de novo un showcooking, que desta vez correu a cargo do restaurante Fonte do Picho, situado no Pazo Santa María, cunha receita de arroz meloso con polbo e queixo Arzúa-Ulloa. Para rematar, Luisa Sánchez e María García da EFA Piñeiral, prepararon unha doce sobremesa. Como é habitual, a última xornada pechouse con música. Alma dueto foi a encargada de facelo. O dúo está formado por Alejandro González e Maya Grill, que reúnen unha longa experiencia musical, tanto no ensino da guitarra como na súa interpretación. A pesar dos bos resultados, dende a organización agardan con ansia que a vindeira edición sexa presencial.

08 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.