Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Medio Rural forma en Ordes sobre o benestar dos animais que van transportar

O curso desenvolverase no Museo do Traxe do 24 ao 27 deste mes para gandeiros e persoal en horario de tarde

Ordes. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dentro da Consellería de Medio Rural, celebrará a vindeira semana unha xornada de formación en Ordes sobre o benestar animal no transporte. Organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Melide, a acción está programada no Museo do Traxe da vila entre o martes 24 e o venres 27 de maio, entre as 16.00 e as 21.00 horas.

Con esta acción búscase dar a coñecer aos gandeiros e persoal que se dedica ao transporte a importancia das boas prácticas antes de mover os animais e durante o tempo que dura o traslado, así como á hora de efectuar a descarga. Así, abordaranse temas como a saúde e a seguridade no traballo, o manexo, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal.

A iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de Formación Continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade dos sectores agrícola e forestal, tanto a nivel técnico como económico, mediante a oferta de cursos desta mesma tipoloxía.

Cómpre lembrar que Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de preinscrición correspondentes, que deben remitirse cubertas ao email oac.svo.melide@xunta.gal (máis datos no teléfono 881 960 682). ECG

21 may 2022 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.