Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 19 octubre 2021
22:56
h
Por segunda vez consecutiva a pandemia obriga a celebrar a Festa do Melindre con propostas telemáticas // Durante todo o 2021 desenvolveranse actividades, especialmente online, para dar a coñecer ao mundo a repostaría local TEXTO A. Prada

Melide promocionará todo o ano os seus doces tradicionais

O segundo domingo do mes de maio, a Festa do melindre e da Repostaría tradicional de Melide cumpre a trintena. A cita celebrarase por segundo ano consecutivo de forma telemática debido á situación sanitaria. No 2020 a vila viuse obrigada a festexala con propostas nas redes sociais tales como showcooking, vídeos de maxia con Dani Polo, actuacións musicais e incluso cun pregón online de man da xornalista Cristina Pampín. Actividades que fixeron máis ameno o confinamento no que estábamos inmersos a toda a veciñanza. Este 2021 a pandemia volve obrigar ao Concello a preparar iniciativas telemáticas para así garantir a seguridade.

Onte o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, presentou unha campaña promocional que busca “pór en valor, promover e dar a coñecer os doces máis típicos da vila: melindres, amendoados e ricos”, apunta. O obxectivo da mesma será amosalos “alén das nosas fronteiras, poñendo a Melide no mapa, convertindo á repostaría tradicional nun valor engadido para o turismo”, aclara o edil.

Dende o goberno local engaden que no municipio únense o Camiño Primitivo e Francés, “dous dos máis transitados polos peregrinos” e dado que goza “dunha repostería tradicional de calidade” apostarán este ano por coidala e promovela, “dando continuidade ao consumo de melindres, ricos e amendoados durante todo o ano”, sinalan. “Este proxecto, a pesar de nacer da necesidade de avanzar e adaptarse á nova normalidade que trouxo consigo a COVID é unha campaña viva, en continuo movemento e que seguirá a medrar para que os melindres, ricos e amendoados cheguen a todos os recunchos do mundo e a xente sexa capaz de situar Melide no mapa. Contamos cuns doces tradicionais de gran calidade e con moito potencial para que sexan sinónimo e símbolo para identificar a nosa vila”, explica Xosé Igrexas.

Dita campaña promocional, en verbas do concelleiro, levarase a cabo durante todo o ano en diversos formatos, especialmente online. “Haberá máis presentacións e actividades, que aínda se están deseñando”, aclara o concelleiro.

Hai que lembrar que a Festa do Melindre e da Repostaría tradicional é unha celebración de Interese Turístico de Galicia (dende 2014) que se celebra o segundo domingo de maio e na que os reposteiros e reposteiras da vila amosan ao público os seus produtos de máxima calidade e sabor. A celebración máis doce de Galicia congrega cada ano a moreas de veciños e visitantes de toda a contorna dipostos a probar estas sobremesas locais, elaboradas polos membros da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce, que tamén desenvolve e colabora durante o resto do ano con diversas iniciativas para dar a coñecer os postres típicos do municipio e a súas posibilidades dentro da gastronomía. Os visitantes asisten asemade de paso aos showcooking, ao pregón e aos concertos. Tampouco faltan os nomeamentos dos Cabaleiros e Damas da Festa. A Praza do Convento é o punto no que se concentran os expositores e o groso das propostas.

DOCES LOCAIS Aínda que durante anos se falou de Festa do Melindre, a exaltación estendeuse a toda a repostaría típica e tradicional da vila e da súa comarca. Os melindres son os máis coñecidos (pequenas roscas elaboradas con fariña de trigo, ovo, manteca de vaca e azucre), pero tamén son famosos os amendoados (clara de ovo, almendra e azucre). Con todo, son os ricos os xenuinos do lugar. Un postre elaborado a base de manteca de vaca, fariña, ovos, azucre e anís.

16 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.