Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melide tende unha man ao pequeno comercio da vila

Porán en marcha tarxetas moedeiro cun valor de 30 euros, dos que o consumidor asumirá 20 € // Hai tres mil dispoñibles

Apostar polo comercio local, un dos sectores máis afectados pola pandemia, está a ser un dos obxectivos fundamentais de boa parte dos Concellos. Con este propósito o goberno local melidense vén de pór en marcha as tarxetas moedeiro Merca en Melide, que foron presentadas polo concelleiro de Promoción Económica Xosé Igrexas.

En verbas do edil, esta iniciativa “é unha axuda máis para apoiar aos pequenos establecementos da vila, contribuindo así a impulsar o comercio local”. Xosé Igrexas afirmou que “a administración local con estas iniciativas consegue un impacto económico aproximado de 400.0000 euros no noso comercio, entre a campaña de Nadal e as previstas para este ano, o que supón un importe moito máis elevado que as axudas que se poidan recibir doutras administracións”, asegurou o concelleiro.

A mecánica de funcionamento destas tarxetas vai ser similar ás postas en marcha no mes de decembro. Os bonos terán un importe de 30€ para gastar nun ou varios comercios do municipio, dos cales 20 euros serán asumidos polos usuarios e 10€ polo Concello. Só poderá adquirirse unha por persoa. Os negocios interesados en adherirse a esta campaña deben cumprir tres requisitos: non ser espazos de gran distribución adicados á alimentación, estacións de servizo ou combustible, salas de xogo ou apostas deportivas e farmacias; estar situados na vila; e ter un Terminal Punto de Venda (TPV). Para participar os comercios deben acudir ás instalacións de Asetem - CCA (entidade colaboradora) para facilitar os datos do participante e o número do Terminal Punto de Venda (TPV).

O concelleiro de promoción económica animou a todos e todas as comerciantes a unirse a esta iniciativa e fixo fincapé “en que esta será só a primeira fase, desenvolverase entre maio e xuño, e contará con 3.000 tarxetas dispoñibles”, indicou.

Ademais, a intención do goberno local é que opten a estes bonos persoas de toda a comarca, xa que as únicas condicións para conseguilos é ser maior de idade. A segunda fase da campaña está prevista para os meses de setembro e outubro.

SENDAS Por certo que onte os alcaldes e tenentes de alcalde dos Concellos de Melide e Toques mantiveron un encontro no que estableceron un marco de colaboración entre as dúas vilas veciñas para abordar temas de interese para ambos. “O primeiro asunto sobre o que se está a traballar é a creación de dúas rutas homologadas de sendeirismo, que unirán ambos municipios, transcorrendo polas zonas máis representativas da xeografía da nosa comarca”, indican fontes municipais.

A proposta destas dúas rutas parte do concello de Melide e permitirá contar, xunto coas que xa dispón o municipio de Toques, cunha rede de catro rutas homologadas e interconectadas entre si, o que permitirá a veciños e visitantes desfrutar do entorno natural de ambos concellos.

A primeira ruta, unirá os dous núcleos municipais e porá en valor o percorrido que transcorre polo punto máis alto da provincia da Coruña, O Coto do Pilar, accedendo a el a través dos Montes do Bocelo.

O segundo percorrido discorrerá ao longo do río Furelos, desde a Ponte Medieval de Furelos finalizando nas Fervenzas do Concello de Toques. “A creación de ambas sendas aportarán beneficios en tres liñas: incremento da práctica deportiva e o fomento de hábitos saudables, a posta en valor do patrimonio cultural e medioambiental de ambos municipios, así como un impacto económico a través do turismo”, sinalaron fontes municipais.

14 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.