Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Os traballos de acondicionamento na aldea situada no Camiño de Santiago teñen un orzamento de 271.000 euros // A Xunta asinará o convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Arzúa TEXTO Alba Prada

Melloras en Ribadiso coa vista posta no coidado ao peregrino

O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Arzúa para o proxecto de mellora do núcleo de Ribadiso, por un importe total de 271.210 €, como un dos principais núcleos polo que discorre o Camiño Francés que conta cun elevado tránsito peonil pola afluencia de peregrinos.

Mediante este acordo, segundo explican fontes do Goberno galego, procédese de forma inmediata ao acondicionamento da aldea coa fin de “incrementar e favorecer a atención e coidado ao peregrino, o que ademais suporá a súa posta en valor de cara á celebración do Ano Santo Xacobeo, o que incide na promoción e potenciación do Turismo en Galicia”, indican dende a Xunta. En concreto, os labores que se van pór en marcha ao abeiro deste convenio consisten na pavimentación de 508 metros cadrados en calzada e zona de colectores. Previamente dotarase dos servizos de recollida de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga potable e iluminación pública. Asemade instalarase no núcleo poboacional diferente mobiliario urbano.

O Goberno galego recalca que a celebración do Ano Santo Xacobeo no 2021 constitúe para a comunidade autónoma “unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia comunidade”. E é por iso que se acondicionará a aldea de Ribadiso, situada na parroquia arzuá de Rendal.

“O Camiño Francés foi declarado o Primeiro Itinerario Cultural Europeo, Ben de interese cultural, e Patrimonio da Humanidade e é a ruta máis transitada por peregrinos de tódalas nacionalidades, polo que necesita un valor máis alto de protección e atención coa finalidade de presentar a súa mellor cara no Xacobeo 2021”, sentencian dende o Executivo autonómico.

Ribadiso trátase dun pequeno núcleo poboacional composto por casas tradicionais de pizarra, que se atopan xunta ao río Iso. Neste pobo atópase o único hospital antigo de peregrinos do Camiño Francés por Galicia que mantén a súa función asistencial a día de hoxe. Trátase de feito dun dos albergues mellor valorados polos peregrinos ao que se chega cruzando o río Iso por unha ponte medieval (a dous quilómetros de Arzúa), onde ao Camiño Francés se lle une ao do Norte.

Con todo, a aldea en si non conta actualmente con todos os servizos básicos necesarios para abastecer aos camiñantes, e é por iso que ata o momento debían recurrir ao centro de Arzúa. Agora con este convenio ao que se deu luz verde tratarase de cubrir todas as carencias.

POLÉMICA Esta mesma semana o BNG reclamoulle ao rexedor de Arzúa, José Luis García, que saque a licitación a concesión do Bar-Cafetaría da Área Recreativa de Ribadiso, máis coñecido como O Chiringuito. Dende o partido explicaron que “o Chiringuito de Ribadiso representa unha posibilidade de xerar postos de traballo durante os meses estivais, algo que nos tempos que corren é máis importante coidar ca nunca”.

Ante ditas declaracións o Concello deixa claro que actualmente “non se dan as circunstancias oportunas para que ninguén poida ter interese en facerse cargo do bar situado na área recreativa de Ribadiso, que precisa ademais dunha importante reforma, que o BNG tivo esquecida durante todos os seus anos de goberno”, apostillan fontes municipais. A Corporación adianta ademais que están traballando actualmente na redacción dun proxecto de mellora integral da zona “coa intención de conseguir o financiamento necesario a través dun acordo de colaboración coa Deputación da Coruña”. A isto hai que engadir ademais a subvención acordada hoxe no Consello da Xunta.

25 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.