Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mobilizacións para frear o peche dos mercados labregos

O sindicato galego dos mesmos considera que é máis seguro mercar ao aire libre que facelo no interior de supermercados ateigados de xente

O Sindicato Labrego Galego (SLG) estuda a posibilidade de organizar mobilizacións para denunciar o peche dos mercados labregos que veñen decretando algúns municipios. Unha decisión que consideran “non se pode xustificar dende ningún punto de vista” e pola cal van traballar “na elaboración dunha demanda legal polos riscos sanitarios que supoñen estas prohibicións e por impedir o desenvolvemento dunha actividade que se debe garantir en tempos de crise, tal e como ordena explicitamente a UE nas súas instrucións para facer fronte á COVID”, sinalan.

“Na última semana varios concellos decretaron unilateralmente o peche dos seus mercados de alimentos labregos (como Melide e Cambre), adoptando unha decisión que pode contribuír a incrementar os contaxios”, explican.

E é que, según din dende o mencionado sindicato, “está demostrado que son máis seguras as actividades ao aire libre que en recintos pechados, como supermercados”.

Insisten en que nos primeiros non existe contacto entre os consumidores e os produtos ata que se fai a compra e que nos segundos “é imposible controlar a manipulación dos produtos nos andeis por quen queira tocalos ou manosealos”. O SLG recalca que non entende “a fixación dalgúns gobernos municipais por entorpecer e prohibir a venda directa de alimentos, cando ademais se trata de produtos de primeira necesidade cuxa circulación está protexida polas autoridades comunitarias e estatais en tempos de crise”.

Insisten asimesmo en que “non existe unha orde oficial, nin do Goberno do Estado nin da Xunta de Galicia, que obrigue a pechar estes mercados de alimentos” e esixen que non se force “a aquelas persoas que elixen mercar no eido local a ir aos supermercados e que se garanta a súa libre elección á hora de consumir produtos labregos de cercanía”. Consideran que desta forma se está a obrigar a todo o mundo a acudir aos supermercados e, por conseguinte, a incrementar o aforo dos mesmos e “os riscos de contaxio por aglomeración”, aseguran fontes do sindicato.

22 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.