Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 16 enero 2021
11:28
h

Modifican o horario dos buses do Pino que van a Santiago

A Xunta responde á petición do Concello ao constatar que non se adaptaba aos momentos de entrada e saída nos institutos composteláns

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, solicitáballe o pasado luns á Xunta unha reunión urxente para demandarlle que se adapten os horarios do transporte público que pasa polo Pino ás necesidades do alumnado que estuda en Santiago. A petición tivo unha rápida e favorable resposta, pois a última hora do martes o xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta na Coruña, José Antonio Álvarez Vidal, reuniuse co rexedor para comunicarlle que o Goberno galego vai modificar os horarios da liña de autobuses que cubre o traxecto O Pino-Santiago para adaptalos ás horas de entrada e saída dos institutos en Compostela.

Desta forma, a administración autonómica vai cambiar o horario do autobús de primeira hora cara a Santiago, adiantando uns 15 minutos o seu paso polas paradas no Pino (de Arca sairá ás 08.15 horas), para chegar á capital de Galicia sobre as 09.45 horas.

“Deste xeito, o alumnado poderá chegar a tempo ás clases sen ter que esperar unha hora, como pasa actualmente”, aclaran fontes municipais. O autobús que parte de Santiago ao mediodía vai retrasar a súa saída uns dez minutos (partirá da estación de autobuses ás 14.40), para que ao alumnado lle dea tempo a rematar a xornada escolar e poida chegar a xantar sobre as tres da tarde.

O rexedor explica que dende que arrancaron as clases o día 8, os estudantes ou chegaban tarde ou tiñan que esperar unha hora para comezar as clases. “Ao mediodía, non chegaban a Arca ata as catro da tarde”, indica. Os novos horarios entrarán en vigor o día 25 deste mes porque “é necesario modificar a programación dos horarios dos autobuses na aplicación informática”, apunta Álvarez Vidal.

14 ene 2021 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.