Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A xira chegará a dezasete vilas en vinte días // Sonarán todos os xéneros desde pop a rock, folk, canción de autor, hip hop, tradicional, electrónica, blues... // Os concertos serán pola tarde e as fins de semana haberá ademais sesión vermú TEXTO Manuel E. Boo

Nace a Duendeneta para levar a música galega polo Camiño

Co obxectivo de dar a coñecer dun xeito ameno e didáctico a música feita en galego, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nun acto que tivo lugar no municipio do Pino para presentar a xira Os Camiños das Músicas Galegas que ofrecerá La Duendeneta, unha orixinal music truck que percorrerá os camiños francés, inglés e portugués durante este mes de xuño.

No acto tamén estivo presente Susan Santos, responsable territorial da Fundación en Galicia e o seu impulsor, o xornalista e crítico musical, Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de vinte anos na difusión da cultura dende diversos medios de comunicación.

O proxecto, que se enmarca dentro da programación do Xacobeo a través da colaboración da Fundación La Caixa, iba aproveitar a presentación no Pedrouzo para celebrar a súa primeira sesión musical, pero suspendeuse polo mal tempo.

A iniciativa terá continuidade ao longo de vinte días e máis de trinta sesións musicais ata chegar á capital compostelá, onde dará remate o vindeiro 21 de xuño.

En total serán dezasete vilas e cidades polas que atravesa a Ruta Xacobea nas que se deterá esta orixinal music truck, que transitará en sentido inverso ó que percorren os peregrinos do Camiño Francés, deixando atrás Compostela para deterse en Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria e Triacastela ata chegar ao Cebreiro o próximo mércores, día 9 de xuño.

De seguido realizaranse catro paradas no Camiño Inglés: Sigüeiro, Ordes, Betanzos e Pontedeume, e cinco no Camiño Portugués: Padrón, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela e Tui. Para rematar con dúas sesións en Santiago de Compostela os días 20 e 21.

A directora de Turismo de Galicia destacou a orixinalidade desta iniciativa, que permitirá que tamén a veciñanza poida desfrutar desta orixinal discoteca móbil vintage, mesturándose durante as sesións cos propios peregrinos que deste xeito tamén poderán comprobar o carácter festivo da nosa terra.

PERCORRIDO SONORO. As sesións desenvolveranse case como se se tratara dun programa de radio, conducidas polo xornalista, crítico musical e DJ Carlos Crespo, quen realizará un percorrido sonoro e comentado pola historia da música galega, dende os pioneiros do pop ata hoxe, incluíndo todos os xéneros: pop, rock, folk, canción de autor, hip hop, tradicional, electrónica, blues...

“O obxectivo é que os peregrinos se vaian de Galicia cun retrato en varias cores do que foi e do que é a nosa música. E amosarllo dun xeito didáctico ao tempo que lúdico e orixinal”, explica o impulsor da iniciativa, Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura dende diversos medios de comunicación.

Cada unha das sesións de Os Camiños das Músicas Galegas terá lugar, xeralmente, arredor das seis e media da tarde, aproveitando ese intre baleiro que os peregrinos teñen cada xornada sobre esa hora despois do xantar e antes do descanso para afrontar a próxima xornada.

Sábados e domingos está previsto que se realice a maiores unha sesión vermú, á unha do mediodía, na que soará só música en galego.

a protagonista
Sentados, con máscara e a distancia
Directora de Turismo
de Galicia

O Camiño ofrece con esta xira musical con clarísimo acento galego un atractivo máis ós visitantes, que poderán asistir a cada sesión con todas as garantías sanitarias. Nava Castro destacou que a xira “adáptase perfectamente ás novas condicións e normativas hixiénico-sanitarias”, ademais de que se colocarán cadeiras para que o público poida seguir a sesión sentado, mantendo a distancia de seguridade e con máscara. Haberá control de acceso ata completar a capacidade pero non se precisará reserva previa.

{ entre líneas }
Benvida
a música
Manuel Boo

Despois dun tempo obrigados de letargo semella que a punto estamos de saír da cova para desfrutar de todo o que nos poñan diante. A noticia da celebración desta xira que vai amosar a evolución da música galega é boísima polo que significa ó celebrarse varias sesións públicas que permitirán vivir a música en directo e tamén pola difusión de aqueles acordes que fixeron historia neste curruncho da península e que agora poderán chegar ós oídos de peregrinos chegados doutros lares. O arte sempre terá cabida nas nosas rúas, pero nestes momentos recíbese con un especial agarimo e con unha sensibilidade a flor de pel. Por fin as vilas máis pequenas e o Camiño serán quen de aplaudir a música máis senlleira desta terra.

03 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito