Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Por primeira vez a Xunta saca unha subvención dirixida a renovar as fachadas das casas e edificios ou para o peche de fincas // Búscase corrixir os impactos // O presuposto é dun millón e de cada solicitude cúbrese o 70 por cento TEXTO Alba Prada

Nacen axudas para integrar as vivendas na paisaxe do rural

A pandemia converteu as vivendas en algo moito máis que o lugar no que habitamos. Son tamén, en moitos casos, a oficina de traballo, o ximnasio ou o punto de reunión social (dentro do permitido). Agora, todos aqueles que precisen darlle un lavado de cara á fachada dos seus inmobles terano moito máis doado grazas á nova orde de axudas que a Consellería de Medio Ambiente anunciou onte durante a visita a unha vivenda de Trazo. Todo un exemplo de propiedade que pode solicitar a subvención para cubrir a fachada de ladrillo.

A titular deste departamento, Ángeles Vázquez, recalcou que é a primeira vez que a Xunta “saca unha liña de integración paisaxística que vai destinada a inmobles e tamén ao peche de fincas”. En concreto, esta subvención vai dirixida a correxir os máis de 300 impactos paisaxísticos nos concellos galegos, e o presuposto é de 1 millón de euros. O DOG publicou onte a primeira convocatoria desta liña, e a partir de hoxe e ata o 31 de maio, os particulares ou comunidades que desexen acollerse á mesma poden presentar a súa solicitude, que cubrirá o 70% do importe global do proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións . En todo caso, a cantidade máxima que se outorgará serán 3.000 euros, algo a ter en conta en caso de actuacións que sexan moi custosas.

Aos interesados só se lles porá unha condición: a actuación deberá adaptarse aos criterios que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística. Desta forma, aquelas persoas que desexen cambiar un tellado ou mellorar o aspecto da medianeira do seu edificio poden pedir axuda para o tratamento da mesma; no caso de que unha persoa teña a fachada da súa vivenda con ladrillo á vista tamén pode solicitar unha subvención para revistar e pintar, así como para cambiar a tonalidade da pintura e renovar o exterior, seguindo a solución que a Guía de cor propón para a súa contorna.

A titular de Medio Ambiente lembrou asemade que entran nesta nova orde de axudas o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión, mediante a substitución de muros opacos por cachotería tradicional ou sebes vexetais; ou revestimento de muros de cerramento realizados con bloques de formigón. Ángeles Vázquez convidou “aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, a colaborar nas xestións e trámites que son da súa competencia, como axilizar as autorizacións de carácter municipal que sexan necesarias para o desenvolvemento deste tipo de actuacións; así como divulgar a información relativa a esta convocatoria entre os posibles beneficiarios”, sinalou. En definitiva, “a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o fiel reflexo dun territorio e dun medio ambiente de calidade, así como dunha sociedade moderna consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural”, defendeu a conselleira.

Aqueles que presenten a solicitude deberán acompañala dunha pequena memoria explicativa da actuación, unha reportaxe fotográfica, a factura da actuación, e a xustificación do pago.

A PROTAGONISTA
“Axilizaremos todas as autorizacións”
Fina Suárez
Alcaldesa de Trazo

A alcaldesa de Trazo recibiu onte a Ángeles Vázquez con motivo da presentación da nova liña de axudas. Fíxoo en concreto na casa de José María Boquete, veciño da parroquia de Chaián. A súa vivenda ten unha fachada de ladrillo e, polo tanto, é o prototipo de “feísmo” no que a Xunta insiste, e que pretende erradicar da paisaxe con esta subvención. “Este veciño será un dos solicitantes das axudas”, sinala Fina Suárez.

“Pola nosa parte faremos todo o posible para axilizar todas as autorizacións que sexan necesarias para desenvolver estas actuacións”, asegura a rexedora. “Animo a toda a veciñanza que precise arranxar a fachada, o tellado da súa casa, ou ben o peche da finca, a solicitar a subvención”, engade. “Tamén nos comprometemos a divulgar entre os veciños e veciñas a nova liña de axudas, que contribuirá a eleminar os impactos paisaxísticos en Trazo”.

{ A OLLADA }
Maior habitabilidade
Alba Prada

Esta nova liña de axudas que vén de pór en marcha a Xunta chega no mellor momento por dúas razóns: por unha banda, serán perfectas para erradicar o feísmo da paisaxe ao darlle un empuxón a particulares ou comunidades de veciños para restaurar as fachadas das súas vivendas ou edificios. E por outra, nunca tanto valoramos os nosos fogares como no momento actual. Convertéronse no noso máis prezado refuxio e no noso centro de actividades diarias. É por iso que as gañas de mellorar os nosos fogares son máis intensas ca nunca, e con esta orde de axudas, será moito máis doado. Non hai que esquecer que tamén poden solicitar a subvención aquelas persoas que precisen renovar os peches das súas fincas.

14 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.