Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Pino repartiu máis de 1.100 máscaras entre os estudantes

Entregáronse asemade 78 pantallas, botes de xel hidroalcohólico e neceseres // O Concello investiu 9.000 euros no equipo de protección

Atendendo unha petición da ANPA do CPI Camiño de Santiago, o Concello do Pino vén de investir 9.000 euros para mercar equipos de protección contra o Covid-19 para todo o alumnado do municipio. O rexedor, Manuel Taboada, entregoulle aos membros da ANPA un total de 1.136 máscaras de neopreno reutilizables para o alumnado de Primaria e da ESO, e 78 pantallas para os pequenos de Infantil do CPI e da escola unitaria de Gonzar.

Así, o goberno local achegou 284 lotes compostos cada un deles por catro máscaras reutilizables de neopreno, feitas con tecido hidrófugo, antibacteriano e transpirable. Tamén doou para cada estudante un bote de xel hidroalcohólico que se pode recargar e un neceser no que os menores poden gardar os seus equipos de protección.

Segundo explican dende o goberno local, cada unha das máscaras pode lavarse ata 25 veces “polo que cada alumno ou alumna pode estar protexido un mínimo de 100 días lectivos do presente curso escolar”, indicou o rexedor. Estos lotes distribúense en 66 con máscaras de talla pequena para o alumnado de 1º e 2º de Primaria. Outros 111 neceseres levan catro de talla mediana ademais do xel, para os nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. Para os escolares da ESO resérvanse 107 lotes, con máscaras de talla grande.

Ademais, entregaránselles pantallas protectoras para o alumnado da escola unitaria de Gonzar (once nenos e nenas) e tamén aos 67 que cursan Educación Infantil no CPI Camiño de Santiago.

A presidenta da ANPA, Ángeles Furelos, agradeceu “o esforzo do Concello e as xestións realizadas para axudar ás familias”. Pola súa banda, o alcalde asegurou que con este investimento “o Concello quere colaborar coas familias para evitarlles o gasto diario que supón a compra de máscaras de protección para os cativos que están escolarizados no Pino”. Esta doazón engádese á colocación de pantallas protectoras no comedor escolar para protexer a todos os rapaces, segundo lembran fontes municipais.

31 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.