Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ofertas, sorteos e música no Mercamelide de verán

Un total de 14 establecementos ofrecen descontos no Cantón de San Roque // Pecha o evento Garufa Blue devils Big Band

Dende o pasado venres Melide está a rebosar de xente que aproveita as mellores ofertas para facer as súas compras de verán, e tamén para gozar da música. E é que a vila acolle a terceira edición do Mercamelide no Camiño, unha proposta que se está a celebrar no Cantón de San Roque.

Alí, un total de catorce establecementos comerciais da vila expoñen os seus produtos aos mellores prezos: Calzados Broz, Mis Mejores Labores, Noguerol Cociña e Baño, M&M Moda, Pequeniño Zapatería Infantil, El Dándolo, Stardemoda, Electrosan, Sakho, Colorín Colorado, Modas Alfonso, Seguros Santa Lucía, Tu Boutik e Mercería Marvi. O horario para este domingo, derradeira xornada do Mercamelide, é de once da mañá a dúas da tarde.

Dende a Asociación Empresarios Terra de Melide (Asetem), organizadora do evento xunto ao Concello, comunican que todos aqueles que se animen a participar no festexo terán a posibilidade de optar a un dos vales de compra que se sortean.

Para iso hai que subir a Instagram unha foto relacionada coa feira de stocks, ser seguidor da conta de Instagram (@asetemmelide) e Facebook (@asetem) da asociación, etiquetar ditas contas e incluír o cancelo #mercamelidenocamiño. Os afortunados ou afortunadas coñeceranse este domingo unha vez que finalice a xornada.

Pero, ademais disto, esta edición está a deixar moi bo sabor de boca polos concertos que veciños e visitantes están a desfrutar. O día da apertura, o venres 13, Melide gozou da música de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que conquistaron ao público reunido detrás da capela de San Roque.

Este sábado foi o turno da Banda da Loba, que tocou na Praza do Convento.

Os encargados de pechar este domingo o Mercamelide serán Garufa Blue devils Big Band, ás 21.00 horas no aparcadoiro municipal. Para os que non os coñezan, trátase dunha orquestra formada por 19 músicos e 4 cantantes nun formato clásico de big band (4 trompetas, 4 trombóns, 5 saxofóns, batería, contrabaixo, guitarra, piano, percusión e outros instrumentos segundo as esixencias do repertorio). A música que interpretan está baseada nun repertorio de temas clásicos dos anos 30 e 40. A dirección da mesma recae nas mans de Roberto Somoza. Eles poñen o punto e final á cita.

15 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.