Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ordes lamenta a supresión da glorieta nos presupostos do Estado

O PP trasladará ao Goberno central o malestar dos rexedores da comarca ordense

Ordes. A deputada nacional do Partido Popular pola provincia da Coruña, Marta González, comprometeuse a trasladar ao Goberno central o malestar que existe entre os alcaldes de Ordes, Trazo, Tordoia e Frades “tras comprobar que o executivo de Pedro Sánchez suprimiu dos Orzamentos Xerais do Estado (PXE) a partida de 1,2 millóns de euros comprometida desde hai anos para a execución dunha glorieta e un paso inferior na saída sur do Concello de Ordes, concretamente no punto quilométrico 37 da estrada N-550”, sinalou.

González, que lembra que esta obra “fora comprometida polo entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, nunha visita efectuada a Ordes en agosto de 2015”, e incide en que se trata dunha actuación “fundamental” para a mobilidade e a seguridade viaria de toda a comarca. “A execución do proxecto implicaría un aumento da seguridade viaria, liberar de tráfico o centro da vila e reducir os cheiros e riscos sanitarios derivados do tránsito de camións cara as plantas da Areosa”, explicou González.

Para a popular, a supresión deste proxecto é unha mostra máis do “castigo orzamentario” que sofre Galicia por parte do Goberno central. “Estamos ante unhas contas que supoñen unha nova marca no ensañamento que o PSOE mantén con Galicia en xeral, e coa provincia da Coruña en particular”, denunciou. Insiste en que a súa formación “non se vai quedar calada” e presentará unha emenda ás contas, ante o que cualificou de “atropelo intolerable”. a.p.

07 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.