Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Promoven a cultura e o consumo local na comarca Ordes-Arzúa

Frades convidará a asistir ao espectáculo ‘Rilla Rilla na lingua’, e Dani Polo actúa en Touro

Cando parecía que a crise sanitaria nos daba un pequeno respiro durante os meses de verán, chega o outono e as medidas endurécense ante o preocupante aumento dos contaxios. Coa hostalaría inactiva en moitos concellos e cos peches perimetrais, son poucas as opcións de lecer que quedan. Ademais gran parte dos municipios de Área de Compostela optaron, por seguridade, por cancelar as actividades deportivas ata que todo mellore. O resultado é que estamos a vivir unha situación que nos recorda moito ao confinamento.

Con todo, algúns municipios da comarca ordense loitan por manter activas as propostas culturais, iso sí, respectando todas as medidas sanitarias. É o caso do Concello de Frades que convida á veciñanza a despexarse un pouco o vindeiro sábado e desfrutar do espectáculo Rilla Rilla na lingua, de Xarope Tulú.

Trátase dunha obra dirixida a todos os públicos que pretende poñer de manifesto a variedade do noso idioma. Este divertido concurso, cargado de humor e sorpresas, poderá verse no multiúsos da vila a partir das 17.00 horas. A iniciativa está organizada polo Concello e a Deputación da Coruña e é de balde. Iso sí, hai que anotarse previamente no 981 695 567 xa que o aforo é limitado para manter as distancias.

Pola súa parte, o Concello de Touro ten preparada para esta tarde unha actuación do mago Dani Polo, que foi finalista do programa Pura Magia de TVE. O espectáculo, apropiado para pequenos e adultos, estará cargado de maxia, humor e ilusións. A cita está programa para as 17.00 horas na casa da cultura de Fonte Díaz. Dende o goberno local pregan que “debido ás medidas de seguridade, protección e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do covid se acuda con anticipación á hora sinalada para acceder de maneira ordenada e cumprindo cos protocolos de seguridade”.

Para o día 27 deste mes, o Concello fradense ten previsto un espectáculo cómico titulado Saaabor! con Félix Rodríguez e Fran Rei. Esta proposta mestura a música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía. Será na casa da cultura. No mesmo lugar están programados para decembro un concerto de Nadal titulado Os Apalpadoriños con Álvaro Cardalda, lago Prieto, Nelson Quinteiro e Yohel Santos, entre outros. Tamén está previsto un espectáculo que estará baseado no libro-cd A voar. Un conto para soñar con música para brincar de Cê Orquestra Pantasma.

COMERCIO Co obxectivo de axudar ás empresas locais a facer fronte a esta dura crise, moitos concellos esfórzanse por sacar adiante iniciativas que animen aos veciños a consumir no municipio este Nadal. É o caso de Arzúa, que celebrará o 8 de decembro o Día do Comercio Local e para o que xa se apuntaron 33 establecementos comercias e hostalairos. Todos eles ofrecerán durante esa xornada descontos (no caso dos comercios) e tapas especiais (no caso dos bares). Ademais, dende o goberno local adiantan que se organizarán actividades e animacións de rúa.

No caso de Melide, o Concello e a asociación comercial Asetem veñen de lanzar a tarxeta Merca en Melide. Ten un custe de 30 euros e permitirá facer compras de ata 50 € nun dos negocios participantes. O prazo para gastar o importe irá dende o 4 de decembro ata o 5 de xaneiro.

13 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.