Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A área de xogos, destinada á cativada de tres anos, contou cun orzamento de máis de 48.000 euros // Do total, o oitenta por cento foi financiado pola Xunta e o vinte polo Concello // Melloráronse a pavimentación e os equipamentos TEXTO A. Prada

Renovan o parque do Souto de Arca para maior seguridade

O Pino, concretamente a parroquia de Arca, xa conta co parque infantil do Souto totalmente renovado. Con esta área, destinada a cativos e cativas de tres anos, son xa catro as infraestruturas deste tipo das que pode gozar a veciñanza da zona. O rexedor, Manuel Taboada, e a a directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto, visitaron onte o resultado das obras.

O parque do Souto contou para a súa renovación cun orzamento de 48.420 euros, financiado nun 80 % pola Vicepresidencia da Xunta e nun 20 % polo consistorio. O conxunto de actuacións realizadas neste espazo de preto de 300 metros cadrados consistiron no arranxo dos equipamentos de xogo para os máis pequenos e na instalación de pavimentación de seguridade axeitada.

Segundo indicou a directora xeral, foi o Concello o que solicitou esta axuda “co obxectivo prioritario de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades”, apuntou Prieto.

O conxunto dos labores tiveron como finalidade a “renovación dun parque infantil de cerca de 300 m², moi antigo, con elementos en mal estado e sen a pavimentación de seguridade axeitada”, recalcou a representante autonómica.

Durante a visita, Natalia Prieto destacou a importancia da cooperación entre a Administración autonómica e a local, “xa que grazas a estas axudas os municipios galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns”, apuntou, e que non se poderían desenvolver moitas veces “se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos”, sentenciou. Prieto incidiu así na importancia desta unión á hora de pór en marcha “proxectos que contribúan ao benestar da cidadanía”, dixo.

Concretamente, segundo lembran dende o Goberno galego, o Concello do Pino nos últimos once anos recibiu axudas da Vicepresidencia por máis de 300.000 euros destinados a iniciativas beneficiarias da Orde de Infraestruturas, do Fondo de Compensación Ambiental, ademais da adquisición dun vehículo de emerxencias e varias melloras na casa consistorial.

Pola súa parte, o goberno local lembra que agora que este parque infantil está rematado, Arca conta con catro áreas de recreo infantís: dúas na Praza de Forcarei, outra na Praza do Concello e esta renovada do Souto. Asemade, segundo sinalan fontes municipais, nestes momentos estanse a executar as obras para cubrir o parque infantil situado ao carón da escola infantil A Galiña Azul, na Praza de Forcarei. Estes traballos están orzamentados en 89.600 euros e mellorarán as condicións para que a cativada poida seguir gozando das instalacións tanto os días de moito sol como os de choiva. Está previsto que a obra quede rematada o vindeiro mes de marzo, segundo avanza o Concello.

Esta actuación, tal e como indican fontes municipais, levarase a cabo no marco do POS-2020 da Deputación da Coruña. Hai que ter en conta que a pandemaia do coronavirus obrigou a retrasar licitacións e contratacións. De feito, no último pleno do Pino aprobáronse xa as obras que sufragarán co POS-2021, entre as que destaca a mellora da pista de Boavista á carballeira de Suso.

O PROTAGONISTA
“APOSTA POLA CALIDADE
DE VIDA DOS PEQUENOS”
Manuel Taboada
Alcalde do Pino

A posta ao día destes espazos de lecer é “unha mostra da aposta do Concello pola calidade de vida dos máis pequenos e polas actividades ao aire libre”, afirmou o alcalde do Pino, Manuel Taboada, quen chamou á cidadanía a “usalos, desfrutalos e coidar deles o máximo posible”.

“É de agradecer a boa disposición da Dirección Xeral de Administración Local á hora de acometer este investimento”, destacou asimesmo o rexedor, quen tamén desexou que “este clima de colaboración se manteña e que se poidan levar a cabo outras demandas realizadas polo goberno local”.

Tamén a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, puxo énfase na importancia desta cooperación entre a Administración autonómica e a local, que considera a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza.

{ A OLLADA }
Aire libre
A. Prada

se algo nos queda claro durante esta pandemia é que as actividades ao aire libre (coas debidas medidas de protección) son as máis axeitadas para reducir as posibilidades de contaxio. É por iso, e sobre todo nunha época na que pasamos máis horas que nunca na casa, que os pequenos e pequenas precisan espazos de xogos seguros nos que poder correr e nos que poder saír da rutina. Con esta obra, a veciñanza da parroquia de Arca ten xa catro infraestruturas deste tipo, o que redundará na calidade de vida dos nenos e nenas. Ademais, tal e como indicou o Concello, tamén se está a cubrir outro parque, na Praza de Forcarei, unha decisión que xa son moitos os municipios que están a tomar para que os cativos poidan desfrutar ao aire libre os días de choiva. Boas novas para as familias.

23 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.