Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A de 1963 foi suspendida tras atopar sinaturas falsificadas, entre outras incidencias // En 1999 tentábase unha vez máis, pero caducou // Trátase dunha das parroquias de Ordes, ca de Lesta e a de Barbeiros, con máis gando e explotacións TEXTO Marcos Manteiga

Terceiro intento en 60 anos para rematar a parcelaria de Poulo

Tres son as potencias gandeiras do concello de Ordes: a parroquia de Lesta, a de Barbeiros e a de Poulo, antiga cabeceira municipal esta e lugar onde durmiu en 1554 Felipe II. Pois, seguindo coa correlación de cifras, nesta última localidade veñen de pór en marcha, tamén por terceira vez dende 1963, unha concentración parcelaria en beneficio dos seus trescentos veciños e a vintena de explotacións gandeiras nun entorno onde hai case tres vacas por habitante. E semella que están de sorte, porque a Consellería do Medio Rural vén de sacar a información pública o estudo previo de iniciación da zona de reestruturación parcelaria... case que sesenta anos máis tarde.

Porque foi con data de 31 de outubro de 1963 cando decretaban a concentración dos labradíos en Poulo, aínda que ao pouco foi paralizada por existiren múltiples irregularidades e, incluso, falsidade de sinaturas no proceso da solicitude. E velaí chegou o segundo intento: o 8 de abril de 1999 decretábase a concentración da totalidade da parroquia de Poulo. Pero tamén fixo auga, e o 14 de xullo de 2015 declaraban a caducidade do expediente.

Agora volven á carga, resaltando desde a administración que o proceso de optimización de terreos “faise moi necesario para tentar manter a meirande parte das explotacións existentes e dotalas dun limiar de rendibilidade que a día de hoxe debido á parcelación da propiedade fai inviable o aproveitamento agronómico de moitas fincas, obrigando ós gandeiros da zona a alugar parcelas noutras parroquias concentradas en detrimento de deixar abandonadas moitas das súas pequenas propiedades”. E non só isto, porque o proceso conlevaría o trazado dunha rede de camiños axeitada ás labouras de mecanización.

A intención é actuar sobre 744 hectáreas, quedando fóra dezanove hectáreas e tamén o entorno do castro da Croa. Segundo os datos obtidos tras efectuar unha consulta catastral do perímetro da zona, concluíuse que existen arredor de 1.760 parcelas catastrais que pertencen a 580 propietarios catastrais. Estas fincas suman 685 hectáreas, ó descontar a superficie ocupada por vías de comunicación, polo que a media da parcela antes de concentrar é de 0,38 hectáreas, sendo a media de parcelas por propietario de 3,03.

DEMANDA. Respecto ao grao de aceptación social desta parcelaria, lembrar que, con data 27 de outubro de 2017, o Concello de Ordes remitía a Medio Rural as sinaturas de 26 veciños que realizan actividades agrogandeiras na parroquia de Poulo, co seu correspondente código de explotación, expresando “o seu interese pola realización da reestruturación” desta localidade.

A configuración física de Poulo vén marcada polo val que forma o río Cabrón, que define a orografía, e a súa altitude está comprendida entre os 250 e os 375 metros. Un 17,34 % da superficie pertence á clase II, formada por terreos capaces de soportar un laboreo continuado; un 56 % dos terreos pertencen á clase III, válidos para un laboreo sistemático; e un 21,51 % pertencen á clase IV, susceptibles de laboreo de forma ocasional.

E tamén hai que destacar o paso do Camiño de Santiago, en dirección norte-sur e atravesando varios núcleos da parroquia, cun novo albergue público. Na rede hidrográfica tamén destacan o Tambre e o río Lenguelle, a parte do río Cabrón que delimita a parroquia na parte oeste e está incluída na rede de hábitats prioritarios que forman parte da Rede Natura 2000.

Por último, constan no inventariado desta área un total de 66 especies de aves, 16 de mamíferos, 6 de anfibios, 5 de réptiles e 4 de peixes, sen esquecer 28 elementos entre arquitectónicos, etnográficos e xacementos arqueolóxicos.

08 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.