Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Títeres, maxia e obradoiros para nenos no Nadal de Trazo

A primeira proposta chega o día 23 en forma de curso de galletas para maiores de 4 anos

O Concello de Trazo esforzouse por manter a ilusión do Nadal entre os nenos e nenas do municipio, a pesar de que a situación sanitaria limita moito as opcións. A diferenza do veciño concello de Tordoia, en Trazo non se celebrará a Cabalgata de Reis do día 5 de xaneiro, pero desenvolveranse propostas para a cativada durante estas datas. Unhas actividades nas que haberá que anotarse previamente no teléfono 981 689001, dado que as prazas son limitadas por motivos de seguridade, e concederanse por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas empadroadas.

A primeira proposta chega o día 23 en forma de obradoiro de galletas de Nadal. Está dirixido á rapazada de máis de catro anos e faranse grupos de catro. Haberá dúas quendas: unha primeira entre as 16.30 e as 17.30 e unha segunda entre as 17.45 e as 18.45 horas. O taller será no centro social polivalente e os participantes, dende logo, levarán á casa un doce cen por cen caseiro para degustar na Noite Boa.

A segunda actividade será o luns 28 no centro social polivalente, ás 17.00 horas. Neste caso mesturarase espectáculo e cociña. Galerna Crúa porá en escena Chocolate, unha obra que mestura a narración oral co teatro. Haberá unha segunda parte na que se porá enmarcha un obradoiro de cociña que ensinará a facer brochetas de froitas con chocolate fondue.

O Mago Teto chega a Trazo o día 29, concretamente estará ás 17.00 horas no centro social polivalente. Baixo a función As nosas letras unirá maxia e letras para ilusionar e divulgar o galego. A xornada do 30 será a quenda dos títeres. O espectáculo Festa na Fraga amosará a uns protagonistas que fan a maleta para percorrer as aldeas reivindicando as nosas festas e romarías. Será ás 17.00 horas no centro social polivalente.

Xa en xaneiro, o día 2 entre as 16.00 e as 18.00 horas está previsto no centro social polivalente e en Viaño Pequeno un obradoiro de cantos de Nadal e de Reis, así como de construción de instrumentos sonoros para acompañar. Acto seguido os participantes (máximo 10 persoas) percorrerán as rúas e comercios para pedir o aguinaldo.

Por certo que o Concello informa de que se van colocar buzóns no CPI Viaño Pequeno, no PAI e no centro social polivalente para que os nenos e nenas envíen as súas cartas aos Reis Magos.

17 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.