Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O festexo desenvolverase de forma virtual esta fin de semana // Haberá un pregón compartido, elaborado entre os centros educativos da vila // Non faltarán os concertos, os showcooking e as charlas // Irá dirixido á cativada TEXTO A. Prada

Todo en marcha para celebrar a Festa do Queixo de Arzúa

A situación epidemiolóxica non permite celebrar eventos de forma presencial, pero as novas tecnoloxías convértense nestos casos na mellor vía para poder vivir os festexos, aínda que sexa dende a casa. A opción telemática foi a escollida para celebrar a Festa do Queixo de Arzúa, que terá lugar esta fin de semana. Os organizadores xa están a preparar todas as propostas desta 46 edición xs, que estará dirixida especialmente aos nenos e nenas.

O sábado, día 6, a primeira actividade, segundo adiantan fontes municipais, será un pregón compartido, protagonizado e escrito de xeito colaborativo polo alumnado dos centros educativos da vila. Na xornada do sábado lerase na capela da Madanela por un representante de cada colexio.

Neste día tampouco faltarán os showcooking. Leva por título Desde Arzúa, con amor e queixo e encargaranse deles, sempre de forma virtual, tres restaurantes e un centro escolar. Desde as 12.00 horas, abrirán as demostracións os restaurantes 1930 Hotel Boutique e Casa Chelo. Nelssy Soriano, do 1930 Hotel Boutique vai preparar dende o recinto feiral Terra do Queixo un Tótem, un entrepan de dobre tradición galega. A continuación, María José Sanmartín de Casa Chelo, será a cociñeira encargada de pechar as demostracións deste primeiro día preparando unha ensalada temperada con sardiñas afumadas e queixo de Arzúa.

Pola tarde dese mesmo sábado terá lugar unha charla denominada Os queixos galegos no tempo da COVID. Será un debate, na capela da Madanela, entre os representantes dos catro Consellos Reguladores dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa, Queixo Tetilla e Queixo do Cebreiro.

Por suposto, non faltará a música, unha parte sempre fundamental nesta afamada celebración arzuá. O sábado correrá a cargo de Ortiga, que pechará a xornada ás 21.00 horas. Trátase dun artista compostelán contemporáneo que aposta por novos sons e conta cunha gran proxección a nivel estatal. Recentemente vén de presentar o disco: Chicho & sus chichas.

As propostas continuarán o domingo, día 7, e farano cunha nova demostración de cociña, que terá lugar dende o recinto feiral ás 12.00 horas , e que nesta caso correrá a cargo de Pilar Rodríguez do restaurante Fonte do Picho, situado no Pazo Santa María, coa receita de arroz meloso con polbo e queixo Arzúa-Ulloa. Para rematar, Luisa Sánchez e María García da Efa Piñeiral, prepararán unha sobremesa que leva por nome Doces campos de Arzúa-Ulloa.

Tamén un concerto será o encargado de pechar a xornada dominical: o de Alma Dueto, que actuará ás 18.00 horas. O dúo está formado por Alejandro González e Maya Grillo debuta en 2013 en Cuba e a súa traxectoria artística despunta na República Dominicana. Hai que lembrar que todas as propostas poderán seguirse en streaming desde a web www.festadoqueixo.org.

Por certo que a Efa Piñeiral tamén vai homenaxear a cita máis agardada da vila. Mañá a instalación do Obrador Piñeiral acollerá unha masterclass impartida pola chef Nelssy Soriano. O 4 o alumnado do segundo curso do ciclo de comercio e márketing protagonizará unha sesión na que abordarán as boas prácticas para a elaboración da ficha de produto dunha tenda online. Farase asemade unha cata e tertulia técnica das propiedades do Arzúa-Ulloa.

02 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.