Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Os traballos arrancarán previsiblemente a mediados de xuño e rematarán en dez meses // Será un espazo diáfano para acoller todo tipo de actividades culturais e tamén para os maiores // O investimento ascende a 582.000 euros TEXTO Alba Prada

Tordoia: avance histórico coa construción do futuro centro sociocomunitario

“Hai anos existía no concello un pequeno proxecto deste tipo, pero estaba sen desenvolver”, explica o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, que moi pronto, “quizais sobre mediados de xuño” informará a toda a veciñanza do inicio das obras do primeiro centro sociocomunitario do municipio. “Estará situado estratexicamente en Pontepedra, na zona de servizos sociais, ao lado do ximnasio e do Punto de Atención á Infancia e do recén estreado parque infantil”, aclara o rexedor.

Ata o lugar acudía onte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, para informar ao alcalde da licitación do proxecto. Uns traballos que contan cunha achega da Xunta de Galicia de algo máis de 346.000 euros. A esta suma hai que engadir unha aportación do Consorcio de Servizos Sociais para dotar o interior de 118.000 €, e outra cantidade igual é a que destinará o propio Concello. En total, o custo do centro sociocomunitario será de 582.000 euros. A previsión é que unha vez arranquen as obras, queden finalizadas en dez meses.

“O edificio, cun proxecto de arquitectura sostible, contará cunha superficie construída de 360 metros cadrados en planta baixa e combinará os espazos verdes coas salas para uso das veciñas e veciños”, explica o delegado territorial da Xunta. Disporá de auditorio, sala da natureza, zona de recepción, despachos, aseos e patio exterior, entre outras estancias. “Os principais usuarios van a ser os nosos maiores que terán unha oferta de mantemento activo e de actividades de entretemento que poderán desfrutar toda a semana”, aclara o rexedor. “Destacamos ademais a importancia das pautas medioambientais na súa construción tanto en canto a materiais como en aforro enerxético, que inclúe un xardín interior. O entorno tamén será acondicionado como área de lecer con diferentes xardíns”, engade Antonio Pereiro.

Dende o Goberno galego explican que esta subvención forma parte do Plan Hurbe, posto en marcha pola Xunta “consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas”, sinalan dende a Xunta. Neste sentido, “os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna”, engaden.

Asemade, “este tipo de intervencións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas, como parte da identidade de Galicia, e son unha mostra da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes”, subliña Gonzalo Tenor. O delegado territorial apunta asemade que este tipo de colaboracións cos municipios “permiten intervir sobre os equipamentos urbanos, tamén se axuda a frear o despoboamento do rural, xa que se potencian as infraestruturas, os servizos e as dotacións municipais e, en definitiva, se melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas”.

O PROTAGONISTA
“Está aberto a todas as posibilidades”
Antonio Pereiro
Alcalde de Tordoia

O rexedor deixa claro que o futuro centro sociocomunitario vai ser un lugar “moi aberto e diáfano” coa intención de dar cabida a calquera actividade ou servizo. “De feito, nun futuro poderíamos acabar plantexando a creación dun centro de día no mesmo”, sinala o alcalde.

A parte baixa consta dun espazo que se pode dividir en dúas partes “no que pretendemos ofertar aos nosos maiores actividades sociais, culturais e de mantemento activo, e que sempre poderemos adaptar ás diferentes necesidades e usos en cada momento”, aclara. A segunda planta está dotada “dunha grada para empregar como auditorio e acoller propostas culturais tales como teatro ou cine”, sinala Pereiro. A entrada principal está formada por unha pequena sala de exposicións cun xardín interior. Pretendemos “que este centro sexa o dinamizador cultural e social do noso concello”, indica.

{ A OLLADA }
Coidar o rural
Alba Prada

sempre alegra ver como concellos pequenos, como é o caso de Tordoia, van pouco a pouco crecendo e enriquecéndose. Darlle importancia ás actividades socioculturais no rural está a ser un dos obxectivos do goberno local, que quere ademais impulsar de novo o ocio en canto a situación sanitaria o permita. Asemade, pór o foco nos maiores é básico nun municipio avellentado, polo que é todo un acerto que o Concello vaia destinar este centro, en gran medida, a desenvolver actividades para a terceira idade. E máis, en verbas do rexedor, nun futuro plantexaríase crear no interior un centro de día. Tamén é de agradecer a axuda do Goberno galego, básica para que os concellos poidan mellorar e ofrecer calidade de vida á veciñanza.

10 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.