Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tordoia pon en valor o seu patrimonio de forma online

A través das redes achegan cada semana un anaco da historia e da cultura da vila

O Concello de Tordoia está a sacar proveito das redes sociais para pór en valor o patrimonio e a historia da vila. A situación sanitaria frea as interacións sociais, e tamén os desprazamentos son os mínimos, pero as novas tecnoloxías son perfectas para incentivar o turismo.

Baixo o título Tordoia cultural, o Concello vai subindo cada semana unha curiosidade do municipio. A última está vinculada á Fonte da Nosa Señora de Bardaos, que din “é milagreira”. Segundo explican dende o goberno local “a finais da década dos 70 houbo unha seca moi grande froito de moitos meses sen chover” polo que as colleitas “dábanse por perdidas” o que auguraba un ano de fame.

Segundo relatos da veciñanza, ante a situación, o cura da parroquia (que era D. Wenceslao, xa falecido) decidiu chamar a veciños e veciñas para levar á Santa en procesión ata a Fonte da Nosa Señora ao pé do río Mordón. Chegados ao lugar D. Wenceslao lavoulle a cara á Santa coa auga da fonte mentres invocaba axuda para rematar coa aquela seca.

“De regreso á igrexa e no medio do camiño, de repente empezaron a caer unhas pingueiras que a medida que ían andando con máis forza se batían no chan, ocasionando que tiveran que apurar o paso para que a Santa non se mollara”, relatan. Ao final ante o asombro de todos, choveu. Outra das curiosidades que narraron no marco desta iniciativa foi a do cruceiro de Sta Eulalia de Gorgullos, onde contan que hai dúas aras romanas sostendo a pedra do altar do cruceiro. Segundo o arqueólogo J. José Alonso “proceden do culto dos Deuses Manes nas encrucilladas dos camiños que protexían aos viaxeiros”, indican.

22 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.