Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tres empresas optan a completar o saneamento en Santa María, Melide

Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses e súmanse á primeira fase, xa lista

Melide. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu tres ofertas de empresas para executar as obras que completarán a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María no Concello de Melide, e que foron licitadas o pasado decembro por preto de 135.000 euros.

A nova actuación obxecto deste contrato céntrase na execución dun novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo, e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector construído a ambas as marxes da estrada nacional N-547. Os traballos teñen un prazo de execución de 2 meses. Dita intervención forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello que prevé un investimento de 150.000 euros.

Segundo o establecido nese acordo, a Xunta achegará ata 120.000 euros para a execución destas obras e o goberno local contribuirá ao financiamento restante. Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das intervencións que se leven a cabo. Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no programa 2014-2020.

Os traballos que se van realizar baixo este contrato consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Realizarase unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de seis metros de profundidade.

Finalizarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e reporanse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas. Os traballos completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo á poboación da parroquia de Santa María, e beneficiaranse 206 habitantes no ano horizonte 2040.

Esta intervención súmase á primeira fase xa executada pola Xunta e entregada no ano 2021 ao Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna. Esas obras supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e centráronse na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para ser conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia. C.G.

12 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.