{ tribuna }

O bono social eléctrico non cumpre o seu obxectivo

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

ACABA DE CUMPRIRSE UN ANO DA INVASIÓN RUSA de Ucraína, tras a que a enerxía se erixiu coma unha arma bélica de primeira magnitude, que deixa tras de si millóns de novas persoas pobres, ademais dunha forte tensión inflacionaria. Son moitas as medidas de diversa índole despregadas pola administración, mais moitas delas chocan coa realidade.

Un exemplo disto son os datos que recentemente se coñeceron sobre as persoas beneficiarias das axudas correspondentes ao chamado Bono Social Eléctrico. Trátase dun subsidio económico que se proporciona a aquelas persoas chamadas vulnerables, que teñen dificultades para pagar a súa factura de electricidade. Non é unha novidade, leva aplicándose en España dende o ano 2009, con cambios substanciais nas regras e exixencias, que foron modulándose ao longo do tempo, ademais de mudar tamén o grao de desconto, que durante o ano 2023 ascendeu ate o 65% con carácter xeral ou ao 80% no caso dos consumidores vulnerables severos. Pois ben, a pesares de ser unha axuda a priori atractiva, non chega a todas as persoas para as que se deseñou.

O Bono Social Eléctrico cubre na actualidade a pouco mais dun millón trescentas cincuenta mil persoas, dos case dous millóns de usuarios para os que estaba deseñado. Isto é o mesmo que dicir que catro de cada dez euros reservados para este tipo de axudas non se chegaron a aplicar. As causas? A administración argumenta que é descoñecemento, mais habería que engadir outras causas derivadas, sobre todo, das complexas tramitacións que se deben realizar.

Cómpre recordar que as persoas máis vulnerables son, precisamente, as que teñen maiores dificultades para acceder á información ou ben para poder presentar toda a documentación que se pide para a concesión da axuda: o modelo de solicitude, que habitualmente se ha de descargar dunha páxina web, copia dos NIF de todos os membros do fogar, acreditación do estado civil ou, no seu defecto, do rexistro de parellas de feito, xustificación da renda ou de percepción de subsidios coma o Ingreso Mínimo Vital, etc. Unha laboriosa compilación de documentación que a xente maior ou con menos recursos non entende nin está en condicións de cumprir.

Pero, toda esta información non obra en mans da Administración?, non sería posible facer unha aplicación de oficio destas axudas ou unha labor mais pro activa por parte das empresas de subministro e distribución da enerxía? Cómpre darlle unha volta a esta cuestión para que ninguén neste país que se quere chamar avanzado siga a sufrir pobreza enerxética.