{ negro sobre branco }

Cita previa e caradurismo

Aplicación móvil do Sergas

Aplicación móvil do Sergas / Sergas

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

A xeneralización da cita previa como único mecanismo de acceder á administración pública está a punto de abandonarnos por razóns evidentes de desaparición da causa que o tivo orixinado: o estado de alarma por motivo da pandemia covid19. Nese momento do noso pasado próximo a primeira sensación foi que se pechaba o mundo, e que ao non poder saír de casa polo confinamento, tamén quedaban en suspenso sine die, as actividades diarias, entre elas as relacións coa administración pública: a local, a provincial, a autonómica e a do Estado (Facenda cobrou sempre).

As relacións coa sanidade pública, o Sergas, reducíronse ás estabelecidas por teléfono así como a valoración de traslado a un centro hospitalario, despois dunha valoración, facíase con todas as condicións de evitación do contaxio. E nace a cita previa a medida que comeza unha certa actividade administrativa derivada tamén da flexibilización das condicións do confinamento. Instáurase a cita previa universal, con prohibición de acceso físico aos centros da administración. Isto foi compatíbel con funcionamento presencial dos servizos indispensábeis: transporte público: autobuses, liñas regulares, ferrocarril, transporte aéreo, marítimo e de presencia física na atención cos usuarios.

Desde marzo 2020, até a desaparición das primeiras restricións de movemento, o acceso ás tendas de alimentación e de todos os centros de traballo e de distribución dos centros esenciais. Neste funcionamento salvándose o principal- a extensión da pandemia- déronse situacións que hoxe consideramos deplorábeis, pero que son imputábeis á gravidade e novidade do momento, na que predominou a xestión tipo guerra total; outra máis afinada, podería ter evitado sufrimento humano certo, referímonos ás mortes en soidade, que ao inicio da pandemia, e posteriormente sen explicación aceptábel, se produciron, sen necesidade obxectiva que o xustifique. Hoxe hai -aínda- centros da administración pública resistentes a se abrir ao público e volver á atención presencial normal. A responsabilidade como é lóxico é en primeiro lugar dos titulares da administración pública, o goberno que dan a coñecer e a súa falta de vontade na reforma da administración pública e na dotación adecuada de medios persoal e control.

Pero o parapeto que o administrado recibe é o caradurismo, ou nogalla dun grupo de funcionarios que atoparon o seu nível de confort excelente traballando cunha cita previa, medida e repartida cun cálculo a ollo. É dicer a aparencia convértese en directa causa dun deficiente funcionamento. Unha cousa é que haxa posibilidade de atender certas xestións informativas vía telefónica: certo. Outra cousa é que por comenencia (ou necesidade) do usuario se facilite con cita previa unha xestión e outra moi distinta é eliminar a actividade presencial para os usuarios, dos administrados, ou simplemente dos cidadáns en tránsito. Hai certas relacións dos administrados, coa Administración que teñen carácter de urxente, mesmo apremiante, que requiren a atención presencial e que se ven imposibilitadas pola presenza dun garda de seguridade (contratado para outras funcións distintas da triaxe ou selección de casos) que impide, de feito, sequera preguntar. A cita previa está a desaparecer, desaparecerá, e namentras, o ridículo envolve aos seus defensores, como único mecanismo de acceso.