{ opinión }

Sublimación e resiliencia (Na obra de José Gil)

Cipriano Luis Jiménez Casas

Cipriano Luis Jiménez Casas

CANDO REMATEI DE LER o libro de Manolo González: Para unha historia do cinema en lingua galega. Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil (Editorial Galaxia, 2022), lembreime do libro de Umberto Eco (1932-2016): Como se fai unha teses doutoral (Gedisa, 1983). M. González, desde 1986, compartiu a paixón por fotografar os cinemas de Galicia con José Luis Cabo, director da Filmoteca de Galicia de 1999 a 2006, atrapados na investigación do cinema en lingua galega e tivo que poñer orde nas súas propias ideas cos moitos datos obtidos, de cara a unha teses digna, nunha situación difícil e chea de carencias, a través dunha experiencia e elaboración critica, tal como Eco describe maxistralmente na súa obra.

Cos escasos e difíciles datos biográficos acadados polo autor, moi o estilo de Eco, de José Gil (Rubios. As Neves, 1879-Vigo, 1937) a redor da súa: “infancia e adolescencia tan importantes e determinantes –nos comenta– no proceso da formación seguen a ser un misterio para min, case materia escura”. Gil amóstrasenos como un neno solitario nado na aldea, fillo dun pai ausente e acérrimo garda civil, que asistía a unha escola da baldeira (porque era de balde), e aprendía algo de música co cura da parroquia. Aos 16 anos pasa polo balneario de Mondariz, onde coñece o pictorialismo dos retratistas e a publicidade, establecese en Ourense como fotógrafo artístico (1896), e trasladase a Vigo (1905), e abre o negocio nas rúas Carral, 14 e posteriormente en Príncipe, 49. Reporteiro gráfico de Vida Gallega (1909), ao tempo que ostenta a representación oficial en Galicia dos Ford e Texan Traffit, Gil merca a cámara Gaumont ca que fai as primeiras imaxes de excursións, o Monumento a Curros Enriquez, a Manuel Murguía acompañado de membros da RAG, así como o cinema de correspondencia cas sociedades galegas de América.

Mis Ledya, sería a primeira ficción do cinema galego e crea a Revista Cinematográfica Galicia (1916). En Ponteareas pon en marcha o proxecto empresarial Galicia Cinegráfica (1921-1935), e inaugura o cine Royalty (1024-1927), e regresa a Teis (Vigo), e funda a empresa de filmación de “noticiarios de industrias, vodas, dramas e belezas de Galicia” (1927). Tamén edita La Artística, un filme publicitario de 34 minutos, afortunadamente rescatado. José Gil, ten unha rúa en Vigo, e está soterrado cas súas fillas no Monumento Funerario en Pereiro, obra encargada ao escultor Asorey.

Só a súa resiliencia, termo que o médico psiquiatra Boris Cyrulnik define como a capacidade dos seres humanos sometidos ós efectos dunha adversidade, de superala e incluso saír fortalecidos da situación, fixo posible que Gil superase cantidade de situacións difíciles profesionalmente e moi dramáticas familiarmente como foron a morte das súas tres fillas en plena xuventude. A resiliencia de Gil foi a súa unión coa vida, o traballo, amar a fotografía e o cinema. O oximoron, de Gil móstranos a escisión do suxeito ferido polo trauma, permitíndonos avanzar aínda máis na comprensión do proceso de construción da resiliencia, a cal tórgalle un estatuto que inclúe entre os mecanismos de defensa psíquicos, e mais conscientes.

A investigación e desexo de Manolo González, pola figura de José Gil, sen lugar a dubidas vai mais alo do saber. E digo isto porque Freud transmitiunos aos 60 anos nun escrito da escola onde estudiara desde os 9 aos 17 anos: “...que é o mais importante para un investigador, non é ocuparse das ciencias que nos expoñen os mestres, senón cal é a súa personalidade. O mestre non opera tanto a partir do seu deber como da súa personalidade”.

Máis alá do saber que posúa, máis alá dun “saber facer” transmisible, universal, que valería para todos, o mestre dá testemuña sempre, o saiba ou non, da súa acción, do “outro saber”. Partindo desta relación do suxeito coa satisfacían, Lacan construiría o concepto de gozo. Cada individuo “satisfáise” acorde coa súa propia maneira sintomática. Existe, por tanto, a “dignidade do síntoma”. E no síntoma hai “saber e gozo”.