{ negro sobre branco }

Machismo e vergoña allea

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

NUN ESCRITO ANTERIOR apontei que as celebracións do 8 de marzo deberían deixar de ser dun día ao ano para pasar a ser cotiás, cambiando o sentido festivo polo reivindicador diario. Tamén defendía a opinión de que é pouco útil distinguir entre machismos aludindo ao tamaño –micro, medio ou macro– porque, neste caso a raíz, o tamaño e as consecuencias son sociais, aínda que os efeitos individuais sexan de distinta dimensión. Non fixen máis que enviar o escrito á prensa e salta a nova, en todos os medios de comunicación, mesmo televisivos, da gracieta (suposta) en forma de xesto vulgar, machista e vexatorio do presidente dunha comunidade autónoma de Castilla/León, o sr. Fernández Mañueco, do PP. A heroicidade deste presidente, exercendo de bufón, consistiu en demostrar ao mundo que en función da súa capacidade era quen de dar as costas á procuradora do PSOE, Rosa Rubio, en uso da palabra desde a tribuna de oradores.

Xa sabemos a significación certa da linguaxe corporal e dos xestos. Por exemplo, neste caso, facer ostentación de non escoitar, non atender, dar as costas, poñerse a falar con outros durante a súa intervención para que fique pública e manifesta a mala educación, e o non saber facer parlamentar, non está ben medido e tampouco sancionado. Mesmo algúns seareiros do goberno desa autonomía e do partido político a que responde, poden consideralo unha heroicidade e unha lograda expresión de machismo nas súas expresións máis burdas. Visto que está demostrado que esta vez actuou así, é probábel que sexa habitual ese comportamento, é dicer, é reincidente. A seguir do non facer caso, e coa finalidade de rematar a faena toureira, amosa, en xesto tamén procaz e macho a tope, o dedo corazón en sinal do máximo desprezo á interveniente, tanto á súa persoa como á posición nas Cortes de Castilla/León.

Como queda en evidencia, a actuación en clave machista é cuase universal, abranxe ámbitos que impregnan toda a sociedade. Se estivese o nível de tolerancia social diante destes feitos á altura dunha educación xeral básica dun país civilizado, ocorrerían dúas cousas: non existiría esta nova televisiva e, alternativamente, no caso de que algún desmandado incorrese en tal conduta, sería incapacitado para dirixir nada, nen sequer unha organización de afectados pola má educación. E, non obstante, aí continúa, sen que os seus xestos, conduta e accións derivadas comporten nada parecido aos responsábeis do maltrato animal castigado nas leis.

Que quer dicer, politicamente falando, unha conduta dese tipo? Que o grau de admisibilidade, tolerancia ou mesmo aprobación social é moi grande e nalgúns ambientes mesmo pode ser interiorizado sen crítica. Admitir que un dirixente dun partido político con responsabilidades de goberno nun ente autonómico –ou de calquer nível– é un energúmeno desta natureza di tanto da súa cualificación como de quen o vota e tamén de quen o promove. Como vai ter sentido da aplicación das leis de igualdade, alguén con público e notorio desprezo ás mulleres? Convertemos, polo poder das letras escritas, o sr. Fernández Mañueco en candidato primeiro –haberá máis– ao premio de gobernante machista con mención especial de vulgaridade.