{ tribuna }

O que lle pasa á xente

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

UNHA CÉLEBRE FRASE de Eugenio Scalfari, fundador de La República, resume o que é o oficio do xornalismo de xeito que é “xente que lle conta á xente o que lle pasa á xente”. Algo tan sinxelo e tan complexo coma isto é o que demanda o ser humano dende que é tal, con mutacións importantes en canto á súa forma. Pódense atopar referentes en épocas e civilizacións que non coñecían a imprenta, como é o caso dos aedos gregos, os trobadores medievais ou os narradores de historias, que representaron un xeito de transmitir información próxima ao que se coñeceu despois coma xornalismo.

Ate hai ben pouco a historia da información estivo marcada pola impresión, sen embargo, a revolución de internet transformou o seu curso. A dixitalización, os avances tecnolóxicos, a intelixencia artificial son os fitos aos que se enfronta o vello oficio a través das multiplataformas. Este formato xa afectou ao xeito de traballar, aos hábitos de lectura, de acceso ou á busca de información. Nun primeiro momento deuse primacía á inmediatez, ao titular ou á mensaxe superficial, ate o punto de que o mal chamado xornalismo transformouse, a impronta da editorial perdeu nitidez e foi a tecnoloxía a que marcou o ritmo. Lembremos senón, o caso de Jayson Blair, redactor do New York Times que, cun teléfono móbil, un ordenador portátil e unha conexión a internet inventou unha historia “fantástica” e puxo de manifesto o risco evidente das prácticas pouco éticas na profesión, que acabou tamén coas carreiras de Howell Raines e Gerald Boyd, director e subdirector respectivamente dun dos mais prestixiosos periódicos do mundo.

Porque, aínda que as ferramentas muden, os xornais seguen a ter a función básica de actuar de “notarios da actualidade” tal e como dixo Javier Moll recentemente en Compostela. Fronte ao inmediato, hai que conservar o xeito de facer xornalismo a lume lento, que demandará cada vez mais a sociedade.

A confianza é a “clave de bóveda na relación entre un diario e a cidadanía á que se dirixe, e esa confianza reside na credibilidade, o maior tesouro dun medio informativo” como apuntou o director de Prensa Ibérica no acto de presentación de EL CORREO GALLEGO. Credibilidade e liberdade de prensa, un binomio que per se non existe, senón que debe conquistarse cada día. The Times publicou no ano 1959 a seguinte reflexión: “A valía dun xornal está na amplitude e precisión da súa información, no sentido común das súas análises, na calidade literaria dos seus textos e na sabedoría e franqueza das súas opinións”. Os xornais –tamén en dixital– deben seguir contribuíndo a forxar estes catro piares que apuntalan as estadas sobre as que construír o seu sólido porvir. O seu afianzamento permitirá seguir consolidando esta cabeceira histórica no corazón de Compostela.