{ on/off }

Shakira, Obregón, Yolanda,...

Luis Pérez Fernández

Luis Pérez Fernández

HAI DOUS DÍAS ATOPEI na caixa de Correos un sobre, sen destinatario, remitido polo alcalde de Santiago. No folio do seu interior, con membretes na parte superior esquerda do Concello e de Santiago Sostible (deduzo que un organismo municipal) e na dereita selo da empresa Urbaser, infórmaseme de que desde maio de 2022 hai un “renovado servizo” de limpeza viaria e recollida de lixo, asunto do que xa tiña coñecemento, así de como algúns pormenores do novo contrato que desprenden un certo tufo electoral propio do período de precampaña na que nos atopamos.

Recoñezo que o servizo de recollida algo mellorou. Non tanto como alardea o rexedor, pero algo nótase. Con todo, quédalle moito por facer. Termina o alcalde agradecendo “moito a súa colaboración”, ou sexa, a miña. Rebusquei no sobre, pero non había ningunha papeleta de votación. Claro, aínda no se pode. Como tampouco desde onte, utilizar as institucións para directa ou indirectamente facer campaña con fondos públicos. Comezou o chamado período electoral, que vén ser o mesmo que a propia campaña coa única salvedade de que non se pode pedir expresamente o voto. Nada que obxectar, pois, a mandar propaganda con fondos públicos o día antes de estar prohibido, práctica por outra banda bastante estendida, aínda que non creo que resulte efectiva. Pero sae gratis…

Pois si, xa volvemos estar en campaña, se é que algunha vez deixamos de estar. Os primeiros días non o notaremos moito. Bendita Semana Santa! Hoxe, Xoves Santo, día do Amor Fraterno, celebrarano ao grande Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, e mañá, Venres de Paixón, tócalle a Podemos. E a partir do domingo, Pascua florida, nada de flores. Zafarrancho de combate. O PP compostelano adiantouse lanzando un mísil picheleiro polo polémico alugueiro dunha nave, que xa provocou algunha dimisión. O percorrido xudicial é incerto, pero que provocou a dimisión dun edil, e de incerto percorrido xudicial. Pero pica, que é do que se trata.

Estamos, en tódolos eidos, nun tempo de intenso protagonismo feminino. Despois dun primeiro trimestre cun firmamento no que brillaron Shakira e Obregón no ámbito social principiou abril con Yolanda Díaz como a gran estrela do universo político. Fugaz ou Polar? A incógnita resolverase no que queda de ano. Se nos atemos á súa traxectoria galega inclinaríame pola primeiro opción, pero se por primeira vez lograra voar soa, sen aires a favor masculinos como lle aventaron os Guerreiro, Beiras e Iglesias no pasado, e Sánchez no presente, nada é imposible.

Sinto especial curiosidade por saber se o efecto Díaz, se é que existe, impactará nas municipáis galegas. É probable que Sumar, ou como se chamen en cada lugar, sexa necesaria para formar ou apuntalar algún goberno de coalición. Penso en Santiago, onde as opcións son un tripartito encabezado por PSOE con BNG e CA ou o PP de Verea. Esta parece menos probable pero posible segundo o escenario que describen as enquisas. Sobre o que veña a continuación, xerais de fin de ano e galegas a mediados de 2024, é inútil especular a estas alturas. En calquera caso, máis aló de ideoloxías e programas, a nivel persoal antes lle compraría un coche usado a Ana Pontón que a Yolanda Díaz. Simple intuición.