{ Olladas ao País }

Un arcebispo galego

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O NOMEAMENTO COMO ARCEBISPO DE COMPOSTELA de Francisco Prieto (coñecido no seu Ourense como D. Paco) foi moi ben acollido por amplos sectores da sociedade galega, tanto eclesiais como alleos á Igrexa. D. Paco xunta unha ampla formación teolóxica, unha grande experiencia docente e pastoral (incluído o coñecemento da arquidiócese compostelá adquirido nestes case dous anos nos que foi o seu bispo auxiliar) e unha idade máis ben nova, vinte anos inferior á idade de xubilación canónica. E achega tamén unha especial sensibilidade coa lingua e cultura galegas e unha mensaxe social e antropolóxica aggiornada aos tempos e á mensaxe do papa co que partilla o nome do santo de Assisi.

Algunhas persoas cuestionarán a atención amosada a este nomeamento afirmando a total autonomía da Igrexa para resolver as súas cuestións privativas ou a aconfesionalidade da sociedade e dos Poderes Públicos, sen se decatar que a Igrexa Católica (en indubidábel devalo canto á súa influencia social) segue a ter unha presenza importante (quizais menos, mais segue a ser relevante) na vida de millóns, constituíndo a tradición grecolatinocristiá unha parte fulcral do noso substrato cultural como galegos e como europeos. Para máis, priorizar a conexión da Igrexa coa lingua e cultura do País e coa idea de Galicia como entidade social, territorial e política de noso podería reducir o impacto negativo de centos de anos de dependencia da Igrexa galega a respecto de centros de decisión e pensamento alleos ao País.

Tamén salientan os devanditos sectores a proximidade do arcebispo compostelán Francisco co bispo de Roma, o pontífice Francisco. E a trascendencia dun tal nomeamento cando rexurde con forza o cuestionamento da liña eclesial do papa arxentino, que ten moi ampla presenza no sector próximo a Rouco e Cañizares da Conferencia Episcopal española, aínda maioritario e moi presente na Galicia en sedes como a de Lugo. Un sector maioritario do Episcopado español ferreño na súa interpretación uninacional da realidade española e moi belixerante cos clérigos e leigos que defenden as realidades e linguas catalá, vasca ou galega, ao tempo que teimudo no seu aliñamento coas teses políticas da dereita e extrema dereita españolas, nomeadamente na súa oposición ás políticas transversais de xénero.

Velaí que o nomeamento de D. Paco xere boas vibracións e abra boas expectativas. Ogallá poida debullar unha delongada e eficiente xestión transformadora no ronsel dos bispos Lago González, Quiroga Palacios e Araúxo.

TEMAS