{ negro sobre branco }

Un xornal, unha cidade

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

CERTAMENTE, NESTA SOCIEDADE TODO SE PODE MEDIR –de feito así se fai– desde a óptica do rol económico desenvolvido pola actividade de que se tratar. Non hai máis que observar como dun acto cumpridor dun desexo (díxose de ser nai, no caso recente de maternidade subrogada) se acaba inferindo a omnipresenza do mercado e das relacións mercantís e/ou mercantilizadas. Desa observación, á expresión coloquial –ou vulgar– de “todo se compra e todo se vende”, non hai moita distancia. Non obstante, é preciso non se abandonar na indolencia do mal definido, xa que até as relacións económicas exclusivamente de compra e venda de bens están envolvidas con certas capas de relacións humanas que incorporan outros elementos, a maiores da mercadoría e do pagamento a cambio. Mesmo constatamos estes aspectos ao observar as ramas máis desenvolvidas e alambicadas do marketing usando todo tipo de mensaxes que fan chamada polo máis subconsciente, subliminal e arcano que poida existir entre o emisor e o receptor da mensaxe publicitaria. Eses aspectos, así como os simbólicos, mesmo sendo estes do plano consciente, deben ser sempre valorados á hora de considerar o rol dun xornal. Un xornal dunha cidade é editado e sostido como unha empresa xornalística; certo, mais unha cidade sen un xornal proprio é menos cidade e moito menos se dispuxo dun xornal propio durante máis de 140 anos.

Saudemos con gran contento esta nova etapa de EL CORREO GALLEGO, como xornal diario da capital de Galiza, e démoslle a benvida esperando que logre ser representante e voceiro dunha cidade necesitada de espírito de combate, dunha certa dose de autoestima e dunha outra de autoesixencia para facer as cousas de forma excelente, e todo adubiado coa capacidade crítica imprescindíbel para o avanzo social.

O papel que cumpre un xornal nunha cidade é tan importante que mesmo pode marcar a diferenza entre ter carácter de cidade ou se tratar simplemente dun conxunto de habitantes en aglomeración reunidos polas vivendas máis ou menos próximas. Os xornais foron quen de colaborar á construción das cidades no sentido de urbe habitada por cidadáns cun certo proxecto en común, é dicer, con vontade de construír non só edificios senón as relacións sociais que conforman a vida diaria dos seres humanos. O xornal é non só –por esa razón– un meio de comunicación senón un elemento chave na construción da idea colectiva que se asocia ao carácter de cada cidade. E de novo –dialecticamente– a existencia dun bon xornal nunha cidade é elemento decisivo para colaborar á materialización de proxectos comúns.

Estou certa de que nesta nova etapa este xornal vaise converter en mellor representante do máis vivo que hai no noso país, que é o país mesmo. Que vai ser quen de recuperar o seu papel transmisor da avangarda cultural galega, xa que desde Compostela sempre se ollou para o mundo que nos queda máis próximo, Atlántico por medio, e así mesmo que vai medrar considerabelmente na súa expresión escrita en galego para garda da fidelidade do que é aínda un elemento vivo do país.