{ Olladas ao País }

Un imposto turístico para un turismo sostíbel

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O TURISMO é unha actividade sobranceira no noso País (11% no 2019, preto do 20% nese ano na bisbarra compostelá) e achega importantes recursos que fan posíbel o noso –moi limitado comparándoo con outros países europeos– benestar. Mais a enxurrada turística obriga adoptar medidas potentes para garantir a súa sostibilidade, dende os límites da accesibilidade a determinados espazos (Catedral compostelá, praza do Obradoiro e Mercado compostelán de abastos, praia ribadense das Catedrais, Fisterra, Illas Cíes...), até cadansúas normativas municipais que tenten evitarmos os abusos do ruído das hordas turísticas da compostelá rúa de San Pedro e semellantes, da ocupación do espazo público do campionato de salto sobre malas da compostelá praza do Obradoiro ou de calquera grave risco ao patrimonio cultural e ambiental galego que ultimanente adoitan xerar minorías (mais abondo relevantes) das persoas seareiras do turismo de peregrinación.

Cando un espazo público está ateigado de turismo cómpre limitar o seu uso e compensar á cidade, vila ou comunidade local que sofre a enxurrada turísitca. E velaí a procedencia de que o noso País lexisle un imposto turístico, como xa decidiu dúas veces o Concello compostelán cos votos de Compostela Aberta, PSdeG e BNG e a abstención do PPdeG en novembro de 2021 e setembro de 2022. E, quizais tamén, unha taxa turística galega vencellada ao dano ambiental que habería ceder a Xunta aos concellos atinxidos.

O imposto turístico galego, a recadarmos pola Axencia Tributaria Galega, gravaría a pernocta en determinados concellos ou ámbitos territoriais galegos. Nese senso, a proposta primaria do Concello compostelán arestora acadaría entre 1 e 3 €/noite. A taxa turística galega, directamente transferíbel na súa recadación, xestión e inspección aos concellos, gravaría o uso de infraestruturas públicas, como os WC e duchas das praias.

Mais o imposto turísitco por pernocta tamén habería de ser directa e proporcionalmente transferido aos concellos que alicerzan a súa recadación. Para o seu investimento, como propón acaídamente o profesor da UDC Rubén C. Lois, na conservación e mellora das infraestruturas ambientais e viarias dos concellos onde se recade o imposto.

Verdade é que a sostibilidade do turismo na Galicia precisa doutras e, se cadra, o mesmo de inmediatas e potentes medidas, como a restrición temporal e espacial de usos ou a restrición de accesos. Porque semella que nalgunhas vilas e cidades (nomeadamente Compostela) xa non hai quen ature os excesos do turismo de peregrinación.