{ negro sobre branco }

Eivas da política local

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

AO SE APROXIMAR AS ELEICIÓNS LOCAIS parece que os termos da discusión en campaña e en precampaña son os referidos aos programas que presentan os distintos partidos ou agrupacións concorrentes (ou deberíamos dicer contrincantes?) aos postos de edís dos distintos concellos. Certo é que o habitual, entre os analistas, é comparar os programas ou, no caso de experiencias previas, avaliar o resultado das actuacións de goberno. Tamén se adoita comparar –mediante enquisas elaboradas a ese fin– o grado de coñecemento dos distintos partidos e das persoas que compoñen esas listaxes, é dicer, múdase o coñecemento e difusión dos programas pola popularidade, simpatía, empatía ou adhesión que provoquen entre os votantes as persoas candidatas a formar parte da corporación. E, finalmente, hai outra modalidade, un pouco máis pedestre, que consiste na compra de vontades de forma directa ou indirecta para lograr un éxito electoral. De todos os xeitos, debemos engadir que é factíbel unha combinación deses tres modos da forma que poidamos imaxinar: se son tres elementos, de tres en tres en distinta proporción, de dous en dous ou de forma secuencial dependendo do uso que faga da variábel tempo.

Mais para chegar a coñecer os programas dos diferentes partícipes hai que levar a cabo unha pesquisa cuase profisional, xa que, nos meios ao alcance do cidadán de a pé, non se atopa. Nos meios de difusión social non aparecen, o acceso ás páxinas web dos proprios partidos e agrupacións só é utilizado por unha minoría –mínima– que pode coincidir cos afiliados, e os restantes meios de coñecer eses contidos converten os posíbeis compromisos case nun segredo, baleirando de contido a posíbel existencia dunha relación votante/partido. Desta forma, un dos elementos primordiais para a cidadanía, sen afiliación partidaria activa, que é a información do programa que se executará en caso de chegar ao goberno, non existe, e o coñecemento que se utiliza á hora de ir votar debíamos cualificalo de débil: é por indicios, por simpatía, por intereses microlocais, pola aparencia nas fotos das redes sociais, por capricho ou por outro tipo de intereses vinculados a eses. Non é tan relevante o que se programa facer senón a adhesión persoal que provocan –na impresión dos sentidos– as/os candidatos. A consecuencia deste proceder vese evidenciada na historia dos resultados das votacións: ao existir un compromiso lábil, non hai tampouco interese polos votantes de examinaren a rendición de contas: isto é algo totalmente exótico que mesmo pode ser entendido como unha afronta.

Hai aínda outro asunto interesante: é pertinente perguntar se funciona ben a estrutura local en relación con outras administracións? Hai problemas de deseño da facenda local para ter axilidade e máis autonomía? É funcional –nos tempos actuais– a división municipal do século XIX? Ou cumpriría promover unha nova planta municipal baseada nunha agrupación de concellos adecuada ás necesidades actuais? Hoxe a solución dos problemas –e mais tamén os servizos municipais– requiren unha estrutura municipal anovada, e a existencia dunha rede de comunicacións físicas e mais as telemáticas son instrumento de cambio e tamén meios apropriados para funcionar noutro nível.