{ negro sobre branco }

Promesas eleitorais para dar e tomar

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

EN PLENA PRECAMPAÑA de eleicións municipais (ou é unha campaña continua?) asistimos a un concurso de promesas con números para unha rifa de premios a favor do cidadán. Será favorecido aquel que opte por repetir voto a favor dos gobernantes, que conservan a vantaxe de gobernar. A primeira pergunta é: por que, en lugar de referir logros do programa (ou eran só anuncios?) da etapa consumida, se insiste na senda de anunciar novas accións que maioritariamente se corresponden con obras? Hai promesas de e accións de obras por toda a parte: beirarrúas en amaño, reparación de furocos e fochancas, enchoupado en chapapote de camiños, pintado de bancos e farolas, farolas forradas (como se se trátase dun galano) en espera de acendido... e anuncios, anuncios, anuncios do que se fará. Eu son cidadá rexistada censalmente nun concello da comarca compostelá. Chamoume a atención que o Sr. alcalde de Santiago tivese a ben anunciar a mellora da vía Vidán-Bugallido. Eureka! dixen eu: por fin hai un responsábel que fala dunha acción supramunicipal. Esa vía non ten trazado nun só municipio senón polo menos en dous, e o feito de que teñan tomado esa decisión en Santiago interpreteino como indicio dun acordo entre concellos para levar a cabo obras conxuntas que afectan a veciños separados –máis que unidos– pola fronteira administrativa. Sigo dicendo: Albricias!! Alguén se deu conta, é consciente, de que a división do século XIX é afuncional para os problemas e as solucións do século XXI e tamén de que é mellor o acordo que a liorta. O que sucede é que a historia recente non é boa conselleira da alegría manifestada. Só é preciso lembrar a historia de penalidades cando se decidiu suprimir o autobús santiagués que une Santiago e Ortoño e en parte circula por esa vía. Vía que, por outra parte, convén saber que ten o mesmo trazado de hai 40 anos, que leva soportado numerosos accidentes e saídas de vía, que ten actualmente un tráfico acorde co crecemento de vivendas na zona, co aumento de poboación de Ames e co aumento elevado do número de vehículos particulares e colectivos desde o século pasado a hoxe. Será existente un plan elaborado conxuntamente para modificar o trazado, o ancho e o firme da vía. De ser así, moi benvido sexa porque sería tamén un bon indicio dunha colaboración racional á solución de problemas e dotar de servizos eludindo o corsé administrativo que afoga solucións racionais tanto polo uso dos fondos públicos como pola dotación de servizos públicos aos cidadáns.

Mais sospeitamos que estamos no campo dos anuncios, pois, de se corresponder cunha acción proposi- tiva, xa estarían en cada institución municipal traballando nun programa de racionalización administrati-va para poñer en común a xestión conxunta. Os eleitores de Ames, Brión, Teo e Oroso constitúen en Santia-go usuarios das infraestruturas compostelás no mes-mo sentido e con distinta intensidade que os do concello grande. Negar esa evidencia é tamén un im-pedimento para o bon funcionamento do concello santiagués e unha boa dose de miopía en xestión municipal. Semella que as reformas administrativas non son de interese en campaña.