{ BOS DÍAS e BOA SoRTE }

Del Riego, heroe da nosa cultura

José Miguel Giráldez

José Miguel Giráldez

NON É ALGO HABITUAL que aparezan figuras na historia dun país como a de Francisco Fernández del Riego. Celebramos mañá, Día das Letras Galegas, a súa obra e a súa memoria, e, sobre todo, celebramos a súa extraordinaria capacidade para vertebrar a construción deste país ao longo de practicamente todo o século XX. A personalidade de Del Riego contén a esencia de todo o que hoxe somos. Na súa figura resúmese o enorme esforzo de recuperación da identidade dun pobo desde as cinzas sementadas pola ditadura.

A longa vida de Francisco Fernández del Riego atravesa a construción cultural da Galicia contemporánea, establecendo pontes, como se ten dito, entre as diversas xeracións. Del Riego é un creador inesgotable de proxectos, alguén que estivo en todos os lugares nos que había que estar para defender a idea de Galicia e a súa lingua, en todos os territorios da cultura, e iso a pesar da dor de atravesar tempos inxustos, de perder amigos e compañeiros, de ter que camiñar tantas veces entre o temor e o silencio, de facer a guerra “que non querían e onde non querían”, como di Lourenzo Fernández Prieto.

A recuperación de Diario da guerra (Galaxia) é un dos fitos recentes, como sinala o propio Fernández Prieto no magnífico limiar desta edición que agora descansa sobre a miña mesa. Di: “a memoria da guerra daqueles mozos foi unha memoria subalterna, soterrada, e que aínda lle custa traballo formar parte da Historia”. A guerra fixo cachizas a vida da xente. E detivo os proxectos en marcha que Del Riego tiña xa entre as mans. E dalgunha forma aqueles días de Nós en Compostela, os días de Ánxel Casal, acazapáronse na súa memoria incansable, coa dor como fermento, e ao fin, si, en 1950, a fundación da Editorial Galaxia vai significar un regreso ás orixes da paixón galeguista, a recuperación do galeguismo anterior á Guerra Civil.

Del Riego sempre lembraba o que era necesario. O que compría facer. A creación de Galaxia foi, sobre todo, unha tarefa de reconstrución. Unha dignísima e emocionante tarefa que botou os cimentos dos edificios futuros, que fixo crecer eses mesmos edificios. A creación de Galaxia debe considerarse un dos actos heroicos deste país, porque xurdiu, como di o propio Del Riego, “en momentos nos que predominaba na conciencia colectiva o desnorte, a ignorancia, o escepticismo”. En 1963, aparecería a revísta Grial, seguindo, di o autor, a liña dos Cadernos do mesmo nome.

Tamén teño sobre a miña mesa A Xeración Galaxia, emblemático libro para entender aquela loita apaixonante, moi detallado, como todo o que Del Riego escribía: voltar á este texto, en días tan sinalados, supón un pracer considerable, unha viaxe a un tempo verdadeiramente heroico. Hai un gran sentido de orgullo colectivo nas palabras de Fernández del Riego, aniña nel esa satisfacción da obra completada. Se o lector quere, de todos os xeitos, unha narración máis persoal, quizais máis sistemática, debe adentrarse nas páxinas de Camiño andado. Nelas Del Riego narra feitos moi concretos e determinantes. Por exemplo, cando a finais de 1931 coñeceu a Castelao na imprenta Nós “onde mo presentou Ánxel Casal (…) A melancólica grandeza daquel Castelao parecíame reflectida na ollada agrisallada, nos acenos das súas mans de debuxante…”.

Nestes días de celebración, gustoume atopar o inédito Memorias do París literario, editado e presentado por Malores Villanueva. Malores explica no limiar como coñeceu a Fernández del Riego e tivo con el unha relación estreita no últimos tres anos da vida do escritor. Andaba Malores entón investigando a gran fazaña de Galaxia, e Del Riego pediulle que buscase unha carpeta nun caixón. Alí estaba este texto que, para min, ten unha significación especial. Fálanos dese apego de don Paco pola literatura francesa, a súa fascinación por visitar París en maio de 1953, talvez á procura dun soño de liberdade, onde se atopa con Colmeiro, con Manuel Martínez Risco, onde nos fala de Camus, de Proust, das conexións galegas medievais coa Provenza… Unha auténtica xoia sobre unha viaxe emocionante.