{ tribuna }

Ao seu xeito, don Paco

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023 rende homenaxe a Francisco Fernández del Riego, natural de Vilanova de Lourenzá, e alumno insigne da Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Dereito. Foi líder do movemento estudantil republicano e o último alumno –ate o de agora– que tomou a palabra nun acto institucional de apertura de curso. Comprometido coa lingua e a cultura galega viviu unha vida de débito ético coa terra.

A súa incorporación ao corpo docente da USC apenas durou uns meses, pois co inicio da Guerra Civil foi depurado por orde das autoridades golpistas, do mesmo xeito que ocorreu con tantas outras persoas de valía para o país. Del Riego foi coetáneo co seu “irmán no galeguismo” Valentín Paz-Andrade, co que tivo ademais un nexo profesional a través do despacho de avogados que rexentaba o fundador de Pescanova en Vigo, malia a que o desterro estaba agardando por el.

Ambos licenciados en dereito pola USC, en contacto íntimo co galeguismo de Castelao ou Seoane, colaboraron activamente para tratar de recuperar a vida política, económica e cultural de Galicia. No exilio, neste caso interior, que viviu Francisco Fernández del Riego puido asumir o encargo de ser redactor xefe da revista Industrias Pesqueras, que dirixía Valentín Paz-Andrade, na que asinaba baixo o pseudónimo de Alevín ou Salvador de Lorenzana, mais ás veces tamén co seu propio nome. Foi tamén, xunto con Ramón Piñeiro, director da revista Grial e un dos artífices da editorial Galaxia.

A reivindicación compartida das poten-cialidades de Galicia encheu de valor non só a obra cultural senón tamén a económica do país arredor de tres eixos: a cultura, a xente e o aproveitamento dos recursos en beneficio propio.

No artigo titulado A pesca da sardiña nas Rías Galegas describiu ben as eivas que sacoden este país, que se entenden neste parágrafo: “A sardiña xa non se esgota no consumo en fresco. Os seus mercados non teñen a limitación tradicional...mais ao longo de moitos lustros, a flota sardiñeira fora acusando nas nosas rías un necesario ritmo evolutivo. Agora, parece haber unha parálise, que se atopa en desacordo coa realidade histórica e do momento. Mentres a industria elaboradora soubo adaptarse aos tempos, a industria extractiva sufriu un estancamento no proceso de indispensable evolución... a maior parte da flota sardiñeira é anacrónica, carece de radio de acción e dos medios imprescindibles para traballar alén da costa. En tales circunstancias, o futuro inmediato atópase cego de esperanza. Con todo, a actitude rectificadora imponse con apremio”. Daquela, mais tamén agora.