ADOITO ACOMPAÑAR AOS ESTUDANTES universitarios que cursan Filosofías Orientais na Facultade de Filosofía na visita que facemos ao mosteiro budista de Ventosela, en San Amaro (O Carballiño). Non está dentro das nosas posibilidades visitar en grupo calquera dos grandes mosteiros e templos budistas orientais, por iso esta visita a 40 minutos de Santiago é unha regalía.

A monxa que nos recibe insiste en que teñamos coidado en non pisar accidentalmente calquera bicho cando deixamos os nosos coches no aparcamento ou cando percorremos a pé a senda que leva ata as dependencias do mosteiro. Algo coherente cun dos principios da ética budista que consiste en non tomar a vida de ningún ser.

Por riba, o budismo promove actitudes para facer máis levadeira a nosa vida e evitar o sufrimento: afastarse das cousas mundanas que nos impiden camiñar cara ao interior dun mesmo; manter unha actitude serena e respectuosa cos demais; practicar a tolerancia para resolver conflitos; buscar a verdade e afastarse das cousas do mundo que nos distraen deste fin como o diñeiro ou os bens materiais; conquistar a liberdade de pensamento, a atención plena e conciencia clara para non seguir as modas sociais.

Por se iso fora pouco, o budismo non é incompatible con outras relixións. Púideno comprobar no Xapón onde a maioría da xente combina ritos xintoístas con prácticas e ritos budistas.

Unha doutrina tan rechamante non pasa desapercibida entre o grupo de estudantes, aos que lle pido, polo que máis queiran, que non fiquen no mosteiro despois da visita senón que regresen comigo á USC e, posteriormente, se acordan, ingresen na orde. Rexoubo con eles desta maneira porque a prédica da monxa é música celestial para os nosos oídos: buscar a paz interior, a harmonía, a tranquilidade de espírito. Practicar a bondade amorosa, a compaixón, a empatía e a xustiza.

Estas semanas de tantas festas en Santiago, coincidindo co principio de curso, botan por terra o mundo feliz do budismo e fan reconsiderar aos rapaces que, se cadra, algo de troula non ben mal de vez e cando.