O DÍA DEZAOITO de setembro de 1931, no pleno do Congreso dos Deputados, Castelao, aínda sen acadalo, demandou o recoñecemento institucional do galego como lingua propia de Galicia. Agora, noventa e dous anos despois, só cun día de diferencia, a data do dezanove de setembro de 2023 ben pode ficar prendida na nosa memoria, gardando nela o sinal da aceptación do galego como lingua de uso ordinario no propio Congreso dos Deputados de España.

O acordo recibiu un amplísimo apoio das forzas políticas con representación parlamentaria, anque non o de todas. Entre as escasas ausencias foi especialmente doente a do partido actualmente gobernante en Galicia. E máis se o seu máximo representante nas Cortes Xerais é Alberto Núñez Feijóo, ocupando o asento principal na banda dereita do salón de plenos, que lle corresponde na condición de presidente do Partido Popular. Hai poucas datas que aínda era o presidente do goberno autónomo de Galicia, declarando, en repetidas ocasións e instancias, que o seu compromiso principal era a defensa e promoción do uso da lingua propia de Galicia. Era obriga da tan alta representación política que daquela ostentaba, pero el amosou unha intención sensible e engadida de asumila persoalmente.

Por iso, non acado a entender cal é a razón de que fixera distinción entre o compromiso de outrora e o de agora, formalizado aquel ante os galegos e este outro diante de todos os españois, tratándose, como se trata, do mesmo obxectivo de procurar para a lingua galega a maior relevancia institucional posible. E o respecto xa non só merecido, senón tamén alzado, como riqueza cultural de Galicia e mesmo de España.

O outro día, no Congreso dos Deputados, pasouse das palabras ós feitos. Do recoñecemento mesmo constitucional do galego como lingua propia de Galicia, que xa o había, pasouse a unha declaración co máximo rango institucional proclamando que a nosa lingua tamén forma parte insoluble do patrimonio cultural do resto de España. De toda. Propia e común. Nosa e de todos.

Paga a pena gardar memoria desa data sinalada. Ben se pode representar para nós como nunha nova Alba de Gloria. O futuro será o que nós mesmos sexamos quen de lograr, pero a súa porta, cando menos esta vez, está aberta.

Non sei por que o señor Núñez Feijóo non foi quen de franqueala. Lamentándoo sinxelamente, non me é doado seguir recoñecéndolle a autoridade que lexitimamente lle correspondía como Presidente da Xunta de Galicia.