LEMBRO QUE DE NENO era común xogar cos amigos e compañeiros de clase a preguntarnos cal era o noso número preferido e o porqué. Algúns eran moi volubles –os meus colegas, non os números, que son moi estables–, e cambiaban con frecuencia o seu preferido. Curiosamente, as razóns para preferir un novo número seguían sendo as mesmas. Que conste que hai quen o fai cos partidos políticos, así que non sei de que me estraño.

Que número é o máis importante? Depende, diría como galego. Depende de se me preguntan polo número máis importante para min ou polo que penso que é máis importante para todos.

Podería ser o cero, que, aínda que poida parecer un cero á esquerda, realmente é a base das matemáticas modernas. Sabemos que é un elemento “absorbente” na multiplicación, xa que calquera número multiplicado por el dá cero (co permiso do produto por infinito, que é unha indeterminación). Sábeo ben Bart Simpson, cando di “multiplícate por cero” se quere que desaparezas da súa vida, ou polo menos da súa vista.

Tamén o un é un bo candidato a ser o primeiro. Ao cabo é o comezo do que en xeral se espera que creza, e ata que chegue a ser grandioso. Ademais, ser o primeiro, o gañador, o que triunfa nunha competición, é conseguir a gloria e permanecer no recordo.

Sen dúbida o número “Pi” tería tamén moitos votos para facerse co galardón. A constante de Arquímedes é o cociente entre a circunferencia dun círculo e o seu diámetro, pero é moito máis que iso. Pi é a constante clave en calquera ecuación que implique movemento circular ou harmónico.

A velocidade da luz chega case, case a 300.000 quilómetros por segundo. Forma parte da famosa ecuación da relatividade de Einstein, que relaciona masa e enerxía. Efectivamente, é esa c que, por se non fose suficientemente grande, elévase ao cadrado: E=mc2. Só por esta ecuación merece a pena estudar física e matemáticas.

Falando de números importantes non podemos deixar ao carón ao infinito. É ese número que sempre vaiche a dar máis do que lle pidas. Nunca se esgota, nunca queda curto, aínda que tampouco se baste a si mesmo xamais.

Para algunhas persoas é moi importante o número 10, que é o dos mandamentos da igrexa católica ou o da maior cualificación posible nun exame. Iso si, para acceder á universidade española a nota pode ser teoricamente de ata 14 puntos. Aí é nada! (non sei se existe a variante aí é cero!, por certo).

Hai números con máis fortuna que outros. O da sorte é o 7 e o 13 é probablemente o que ten peor fama. Ata o eliminaron das filas de asentos dos avións e dos pisos dalgúns edificios. Ademais, 13 eran os discípulos de Jesús na última cea, cando foi traizoado por un deles.

Aínda que non o pensaran así, ou nin sequera o coñezan, un número excepcionalmente importante nas súas vidas é o gúgol, que en inglés escríbese “googol”. Trátase dun número moi grande, moitísimo maior que o de átomos estimados do universo. Poden escribilo con paciencia poñendo un un e logo cen ceros. Pero non é o seu tamaño a razón de que lles fale del, senón porque é o número que inspirou o nome de Google, a compañía que xestiona case o 90% das buscas que facemos na internet.

Con todo, creo que para todos nós hai outro número moito máis importante, quizais neste momento o que máis. Trátase do 1,5, que son os graos que se estima que separan a temperatura do mundo preindustrial daquel que xa non sería habitable para nós.

Por certo, non lles dixen cal é o número máis importante para min, pero é que estou seguro de que impórtalles cero.