Olladas ao País

O acordo BNG-Anova: xenerosidade intelixente

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O ACORDO asinado o domingo 14 en Compostela entre cadanseus máximos representantes do BNG e Anova, Ana Pontón e Martiño Noriega, quere pechar a fenda aberta na cita congresual de hai doce anos en Amio e curar as graves feridas que causou. E esixiu moita xenerosidade en ambas as duas partes para asumir o próximo pasado, esquecendo ou polo menos, relativizando as amplas diverxencias de cadansúa estratexia política recente. O BNG é xeneroso esquecendo Amio e acollendo Anova como parceiro no proxecto común soberanista de acadar a Presidencia da Xunta para Ana Pontón o 18-F e Anova é xenerosa ao se reintegrar na acción política común sen esixir cotas orgânicas nin electorais e asumindo unha emenda á totalidade á estratexia desenvolvida entre as eleccións galegas de 2012 e 2020, período no que Anova partillou fórmulas de coalición coa esquerda estatal.

Mais o acordo é, ademais, intelixente. Fronte aos espectáculos de división nas eleccións municipais da Coruña de 2023 entre Marea Atlántica e Podemos-EU e destas nacionais de 2024 entre Sumar e Podemos e fronte ás exclusións de cadanseus sectores minoritarios do PSdeG nas candidaturas destas galegas e das de 2020, a aperta de antonte entre Pontón e Beiras é un exemplo de unidade, de estratexia acaída e de superación do pasado para ollar ao futuro. Na conxuntura vital actual de Xosé Manuel Beiras e tendo en conta a súa traxectoria política, este aceno é singularmente patriótico e esixe dos sectores máis conscientes deste país o seu nidio recoñecemento.

O acordo é de luces longas e ha proxectar os seus efectos alén das vindeiras eleccións. Mais terá sen dúbida un efecto electoral positivo, contribuindo concentrar o voto non só soberanista, senón galeguista e mesmo pertencente a outros sectores da Galicia moderna e do cambio.

Coincide no tempo este acordo cunha recente entrevista na prensa estatal co antigo voceiro do BNG e vicepresidente da Xunta (2005-2009), Anxo Quintana, na que manifesta a conveniencia desta concentración de voto da xente que quere unha remuda no BNG, ao tempo que advirte que os soberanistas teñen capacidade de desputa electoral co PP, pois que “...hai moita xente en Galicia que quere que exista un Goberno galego dirixido por un pàrtido galego”, malia que moitos destes non se declaren nacionalistas nin de esquerdas. Quintana cre que o BNG de hoxe está moito máis clarificado e adulto ca o de 2005 e afirma non ver desmobilización, senón máis ben interese en amplos sectores da sociedade en facer posíbel un cambio.

Cara ao 18-F o escenario está cada vez máis aberto. E a desmobilización conformista que queren Rueda e Feijóo semella moito máis incerta.