Opinión | Olladas ao país

As nosas seleccións nacionais

A presenza de máis de 18.000 persoas no encontro Galicia-Panamá no estadio celtiña de Balaídos este 31-M e máis a atención doutras ducias de milleiros que segueron o amigábel pola CRTVG no seu prime time amosan a adhesión dos siareiros galegos ás súas seleccións, neste caso á selección masculina de fútbol. Porque non é nada doado acadar tanta atención a respecto da actividade futbolística amigábel e non competitiva. Dende análise deportiva, asemade, ficou dabondo claro que a liquidación da selección galega de fútbol desenvolvida dende 2009 por Feijóo e Rueda a medio de Lete Lasa (dous partidos en quince anos) afecta gravemente ao rendemento deportivo. Os nosos, de evidente calidade, tardaron en xogar conxuntadamente. Os panameños fixérono dende o minuto un. 

Xa que logo, cómpre trascendermos xa dos amigábeis organizados nas dez de últimas (sen prexuizo de seguilos a organizar, nomeadamente en datas máis aqueladas e garantindo os axeitados adestramentos conxuntos) e seguirmos a reivindicar a capacidade das seleccións galegas, como todas as outras seleccións deportivas, a participar en competicións oficiais internacionais, como xa fan Gales, Escocia ou as illas Feröe. E para isto non é preciso que as nosas Federacións sexan admitidas nas Federacións deportivas internacionais como membros de pleno dereito. Só é preciso que as Federacións estatais españolas non veten a nosa participación. 

Velaí que a posibilidade de que as seleccións deportivas galegas poidan partillar nas competicións internacionais depende só de dúas reformas legais, unha na lei galega do deporte e outra na lei estatal sectorial. No noso Dereito cómpre unha norma que regule a participación das seleccións galegas en competicións internacionais, como fai o artigo 54 da nova lei vasca de 2023 a medio da Unión de Federacións Deportivas vascas. E na lei estatal cómpre regular a obrigada autorización das Federacións españolas á participación internacional das seleccións autonómicas dos países e territorios que aprobaran esta participación internacional en cadansúas leis sectoriais reguladoras do deporte.

A conxuntura estatal actual, cunha maioría parlamentaria que fixo posíbel a investidura Sánchez Pérez-Castejón amosa unha nidia posibilidade de abrir este debate, que é un debate sobre democracia e dereitos colectivos. Se somos galegos temos dereito a partillar no deporte internacional nesta cualidade. 

En calquera caso non se lle obrigaría a ningún país ou territorio a participar internacionalmente. Sería unha decisión que cada quen adoptaría no exercicio do seu dereito. De primeiro de democracia liberal. 

De verdade é tan pouco doado de entender?