Opinión | Opinión

Xestionando o Turismo

O turismo é una fonte de actividade e de riqueza. Pero tamén pode selo de retos e problemas. Como todo na vida, hai que xestionar buscando equilibrios para quedarse co bo e evitar ou minimizar o malo. 

O éxito do camiño de Santiago é evidente. As mareas de pelegríns e visitantes xa son se cinguen aos meses do verán; tampouco o impacto: hoxe en moitos concellos do interior é unha fonte de ingresos e emprego principal. 

Os principais problemas aparecen en Compostela. E hai que afrontalos antes de deixar que se agraven. Santiago ten moitas funcións, como cidade universitaria e capital de Galicia. Tamén como sede de moitas empresas de servizos e industrias. E sobre todo, é espazo de vivencia e convivencia dos composteláns. Conciliar todas esas funcións non é doado. Ser alcaldesa de Santiago é máis difícil que selo dunha outra cidade do mesmo tamaño en España.

E gobernar ben significa tomar decisións, asumindo que non a todo o mundo lle vai gustar. Seguramente, tampouco lle vai gustar a algunhas persoas o que vou dicir: na miña opinión, o concello está facendo o que debe facer. 

Atina cando defende a taxa turística, porque o sistema de financiamento local non conta con ferramentas para que as arcas públicas do concello ingresen parte dos beneficios do turismo. Pero teñen que asumir os custes. É a cidadanía de Compostela, vostede, quen paga os sobrecustos de toda esa poboación flotante. A taxa turística é un mecanismo acaído para que os que nos visitan tamén axuden. Tendo claro que o destino lóxico dos recursos non ten que ser o propio sector. O destino debe ser o de financiar eses gastos engadidos na recollida de lixo, na limpeza de rúas, na policía local...

Atina tamén cando decide aumentar o número de licencias de taxi. Se decidimos desbotar a entrada de empresas de VTC, os cidadáns de Compostela necesitan máis taxis para evitar o que xa se está comezando a producir outro ano máis e que estamos sofrendo os usuarios habituais. 

E o Concello atina, sen dúbida, ao afrontar con valentía a oferta de vivendas de uso turístico. Porque Compostela necesita vivendas para outros usos, para familias que queren vivir todo o ano ou para estudantes; porque limitar as vivendas de uso turístico axuda a controlar os fluxos máximos de persoas; porque estamos vendo que a convivencia de pisos turísticos e residentes permanentes é as veces difícil. Tan difícil que existe cada día máis evidencia empírica de que o resto das vivendas dos edificios que se abren a ese uso, perden valor. ¿Quen quere vivir nun piso cun aloxamento turístico enriba e outro ao carón? ¿Que tipo de relacións de respecto e convivencia pode estabelecerse con sesenta ou noventa inquilinos que rotan nun ano? ¿Quen compensa aos propietarios que perden ese valor e sofren as molestias? Neste eido non vale todo. Aplaudo á nosa alcaldesa por meterse tamén neste charco con perspectiva e buscando equilibrios razoables.

Por suposto, non estou contra do turismo; menos aínda se é un turismo cívico e respectuoso. Pero si me rebelo contra o feito de que teñamos que render culto ao sector ata o punto de esquecermos da nosa esencia, de que a nosa cidade ten outras funcións, e de que, en última instancia, Compostela non pode pasar a ser un lugar incómodo para os composteláns e as compostelás. Non vale deixalo todo ao mercado.