Opinión | Cifras e letras

Vou á rúa

Senén, sal da estrada, que vén un coche!, gritou a miña nai desde o couzón do portal. Collín a miña pelota de goma á carreira e retireime con ela á beirarrúa, aínda a medio facer. O coche pasou amodo, con parsimonia, como paseándose. Non había présas entón, ou a min non mo parecía. A miña nai díxome que non quería que xogase na rúa. Dicíamo a diario, e a diario eu respondíalle cun si resignado, que duraba na miña vontade o xusto ata que ela desaparecía da miña vista. En todo caso, ese día obedecín e dirixinme á praziña na que comezaba a rúa, e na que nacían ou desembocaban, segundo quixésemolo ver, outras tres. Unha praza pequena, pouco máis grande que unha rotonda, pero que nos daba moito xogo, e nunca mellor dito. Na praza había unha cabina de teléfonos, un par de bancos e tres ou catro árbores. O chan era terra preta, que nos servía para xogar ás bólas e ao che, como chamabamos a unha vara fina metálica, afiada nun dos seus extremos, que cravabamos arteiramente no chan aquí ou alá, segundo o xogo que tocase.

Vivía entón no barrio dos Mallos, na Coruña. Na rúa pasaba boa parte do tempo que me deixaba libre o colexio e o estudo. Vou á rúa, dicíalle cada día á miña nai despois de facer os deberes. Recordo moi felices aqueles anos, mellorados nos meses de verán, que pasaba integramente nas Pontes, onde nacín. A rúa era para min a liberdade; era o espazo que non había no raquítico piso no que viviamos; era un lugar de aprendizaxe do que non se aprendía na escola, nin sequera nos recreos. Era tamén enfrontarme a algúns riscos, non poucas veces buscados. En fin, fálolles de hai medio século, cando non había outra distracción nas casas que as televisións, nas que as había, e con só dúas canles.

Hoxe a nosa vida está asolagada de aparellos e lugares dixitais nos que pasala. Pouco ten que ver a vida dos mozos coa que tivemos á súa idade quen somos os seus pais. Na súa maior parte agora é mellor, non me cabe dúbida, pero hai tamén moitas cousas que foron a peor. Son moitos máis os que teñen problemas de depresión e outros trastornos mentais, polo menos moitos máis os diagnosticados. Algúns estudos relaciónano co uso crecente de móbiles, redes sociais e outros dispositivos que nos reteñen no mundo dixital, afastándonos do mundo físico. Ía escribir que nos afastan do mundo real, como contraposición ao dixital, pero o certo é que este é tamén real e cada vez é máis a nosa realidade cotiá.

Con todo, non está demostrado que esta vida cada vez máis dixital sexa a causa do incremento dos trastornos mentais nos mozos, ou polo menos a causa principal. Debemos ter moi presente, sobre todo os científicos, que a correlación non supón necesariamente causalidade. Por outra banda, podería haber incluso unha causalidade inversa de darse o caso de que as persoas con problemas mentais se mergullen especialmente no mundo dixital, sexa pola razón que for. Todo isto está aínda por demostrar definitivamente.

A miña nai sabía que demasiada rúa non era boa e preocupábase se desaparecía moito tempo do seu radar, mesmo cando eu xa era un adolescente. O problema é que as rúas de agora son autoestradas dixitais e quedan menos á vista ou á comprensión dos pais e educadores. Antes as rúas eran perigosas polos coches e os matóns que as transitaban, e se te apartabas deles evitabas moitos problemas. Pero agora os que manda fano desde cómodas cadeiras en grandes despachos de xigantes empresas tecnolóxicas, que aumentan os seus beneficios canto máis tempo transites por elas, canto máis mires os seus escaparates e canto máis compres nas súas tendas virtuais. Por iso son menos seguras que antes, aínda que por elas non pasen coches.