Opinión | Olladas ao país

Eivas de lexitimidade e utilidade na monarquía

ESTE mércores, 19-X, cúmprense dez anos dende a asunción de Filipe de Borbón á xefatura do Estado. O CIS leva dez anos sen preguntar pola opinión da cidadanía das distintas nacións do Estado a respecto da monaquía borbónica e o rexeitamento á institución é o máis alto das monarquías europeas, con enquisas recentes que apuntan cara unha clara maioria republicana en Catalunya, Euskadi e Nafarroa, canda unha lixeira maioria republicana na Galicia, Asturies, les Illes e País Valencià e maioria monárquica non moi ampla no resto dos territorios. Velaí que, coincidindo esta efeméride coa maioria de idade de Leonor de Borbón, sucesora na xefatura do Estado, se estea a desenvolver unha potente campaña de propaganda –que non informativa– que proxecta a idea de que a monarquía borbónica é útil e dalle estabilidade á política e á sociedade.

Antes de enxergarmos a eventual utilidade desta institución cumpriria analisarmos a súa lexitimidade. No que atinxe á lexitimidade de orixe, a monarquía xurde directamente da ditadura franquista, sen que a aprobación da vixente Constitución no referéndum de decembro de 1978 subsane totalmente esta chata, pois á cidadanía non se lle deu a ocasión de se definir sobre a institución en particular, senón sobre un conxunto constitucional nun nidio contexto aplicativo do principio “lo toma o lo deja”. Isto é a única transición democrática que se lle ofreceu á cidadanía, proscribía a ruptura democrática e, canda ela, a república ou as repúblicas nas diferentes nacións do Estado.  

Canto á lexitimidade de exercicio, o primeiro Borbón da dinastía reinstaurada (Xoán Carlos) exerceu o seu mandato 39 anos (1975-2014) e pasou á historia pola súa nula exemplaridade. Mesmo só zafou dun procedemento penal (com moi altas probabilidades de elevadas condenas de cárcere para calquera outro cidadán) por unha desaquelada interpretación da inviolabilidade constitucional da persoa do xefe de Estado, que na práctica impediu toda pescuda sobre todos os feitos anteriores ao 19 de xuño de 12014. Mais o exilio voluntario nos Emiratos Árabes é a evidencia destas graves condutas que marcaron un efectivo divorcio entre o pai do actual xefe de estado e a cidadanía. Sen exemplaridade non hai lexitimidade de exercicio.

A outra fenda á lexitimidade do exercício da institución cúmprelle ao “debe” do actual rei Filipe, pola súa desaquelada e parcial mensaxe do 3-O de 2017, dous días despois do plebiscito catalán. Rachou entón Borbón Grecia coa súa obriga de neutralidade constitucional, animando un conxunto de procesos xudiciais rematados en moi graves condenas de cárcere totalmente desvencelladas da natureza eminentemente política das actuacións dos dirixentes soberanistas cataláns. Neste senso, a lei orgánica de amnistía que se ven de aprobar pola maioría absoluta do Congreso constitúe unha enmenda á totalidade da mensaxe real do 3-Ou de 2017 e dos procesos desenvolvidos no contexto xurdido das resultas deste.

Con graves eivas de lexitimidade e exemplaridade, a monarquía carece de utilidade como elemento de consenso e progreso, porque en realidade constitúe xa unha institución de parte. Velaí que a crise da monarquía sexa tamén a crise do Estado xurdido da incompleta reforma política de 1978. E isto é difícil que o resolva a simple promoción da sucesora na xefatura do Estado.