Opinión | Negro sobre branco

O chicle e a oferta de vivenda

En Santiago, dise, hai un grave problema de vivenda. Imos dar por válido o diagnóstico. Non é de hoxe, non é responsabilidade municipal nen hai instrumentos para resolver en exclusiva desde o Concello. No pasado, co concurso –financiamento e execución– do Estado, realizouse o proxecto de Fontiñas e rehabilitáronse vivendas na cidade histórica. Hoxe non se personaron nen o Estado nen a Xunta para botar man dese problema. A rixidez do mercado vese agravada pola demanda que un turismo masivo e invasivo realiza sobre a vivenda: unha vivenda dedicada ao turismo sae fóra do mercado de aluguer ou do de venda. Por esta razón é preciso receber con entusiasmo a coraxe de regulamentar o uso de calquer vivenda para turismo, realizado recentemente polo Concello. Sexan ben vindas esta ou outras medidas no mesmo sentido.

Os partidos españois, hoxe na oposición, parecen vir desde o berce coa marca indelébel do dereito ao poder. E, claro, resulta mesmo ridículo que se examinen as accións municipais comparando o degrau de execución das solucións dos problemas pendentes, responsabilidade de gobernos anteriores, mesmo algúns con décadas ás costas, co executado nun ano escaso polo goberno nacionalista actual. Referíndonos á parte máis ou menos seria do asunto, atopamos unha asimetría enorme na valoración do realizado con anterioridade e o manifestado como esixencia ao goberno actual. Se imos á parte non seria do asunto, non por iso cómica, é penoso observar a cantidade de loiadas e pataqueiradas sen xeito que se din cada día das accións de goberno, mesmo con aporte gráfico incluído. Dos temas que aparecen todos os días en prensa, creando un desánimo (ou un ambiente de opinión fabricada) xeneralizado a residir en Compostela, un é o problema da vivenda en Santiago. O concello presidido por unha alcaldesa nacionalista traballa para lograr solucionar as trabas que impidan dar solucións ao problema existente. A competencia de realizar vivendas de promoción pública, de ofertar alugueres sociais e para condicións específicas (mozos, emigrantes, refuxiados, persoas soas...) é da Xunta de Galiza. Os concellos –este en concreto– deberá pór a disposición da Xunta soares, parcelas ou fincas urbanas ou urbanizábeis para que se realicen as accións conducentes á disponibilidade de vivendas a prezo de custo en réxime de aluguer ou de propriedade segundo sexa cada caso. É así mesmo preciso que o programa público de reforma, restauración e adecuación da vivenda existente sitúe no mercado de forma conveniente as vivendas baleiras que non están á disposición dun mercado máis ou menos dinámico. E, finalmente, é imprescindíbel que frente ao movemento de todo vale con tal de facer un negocio, é necesario regular, controlar e mesmo anular o funcionamento de vivendas dedicadas ao turismo en detrimento da cobertura de necesidades cidadás sen satisfacer, como é o acceso á vivenda. Mais de novo atopamos un obstáculo: a responsabilidade total do PP e do PSOE para quen, grazas ao fomento do turismo masivo como forma de crecemento neste capitalismo español, a regulamentación do mercado da vivenda é dunha laxitude que non ten parangón coa dos países civilizados do noso entorno económico.