Opinión | Al sur

Os porqués de San Xoán

A noite de San Xoán, da que nos estamos repoñendo no día de hoxe, é a festa con maior significado simbólico, relixioso e etnográfico de Galicia, España, Europa e tamén de América.

Son moitas as persoas familiarizadas con algúns dos rituais desta note máxica: desde saltar as fogueiras ou cacharelas (tres, sete ou nove veces) para escorrentar ás meigas; pasando por queimar todo aquilo que queremos deixar atrás (apuntamentos de clase, incluídos); lavar a cara coa auga de sete fontes, onde de véspera deixamos herbas aromáticas a amolecer; ou, os que poidan achegarse A Lanzada, tomar as nove ondas, indicadas todo o ano como remedio contra a infertilidade, pero especialmente na noite de San Xoán.

En canto ao lume, que protagoniza as celebracións desta noite meiga, son tamén moitos e diversos os significados. O lume era para Heráclito e outros filósofos presocráticos un dos elementos que conformaban a orixe do cosmos; e hai quen di que, en Europa e noutras latitudes, o lume préndese nesta noite para axudar ao sol a coller a forza que necesita despois da longa invernía.

Ten, por suposto, outros significados máis cotiáns como o de alumear a noite ou dispor das brasas para gorentar as sardiñas que “en San Xoán, pingan no pan”, segundo reza o refrán popular. 

Hai tamén un significado relixioso para os cristiáns que poucos mozos dos que onte saltaron as cacharelas coñecen: celebramos o nacemento de San Xoán Bautista, o único nacemento que se celebra de todo o santoral, por ser o precursor do nacemento de Xesús, xusto seis meses antes de que o fillo de Deus viñese ao mundo un 25 de decembro, cumprindo os meses de diferencia entre ambos dos que se fala no Novo Testamento.

Cómpre engadir que o lume, a auga, a terra da que arrincamos as herbas aromáticas, ou aire no que percibimos o arrecendo desta festa, son os catro elementos primordiais que purifican, fertilizan e rexeneran para poder nacer de novo, aínda que só sexa simbolicamente. E, abofé, que non somos máis ca iso: animais simbólicos.