Opinión | Olladas ao país

Compostela quere políticas de vivenda

O Pleno do Concello compostelán aprobou neste San Xoán a Ordenanza de vivendas turísticas proposta pola alcaldesa Goretti Sanmartín cos votos previstos das dúas forzas que partillan goberno local: o seu partido (BNG, 6 escanos) e Compostela Aberta (2 escanos) e cos votos xa non tan agardados de todos os concelleiros do PSdeG (6), malia a decisión da asamblea local deste partido, por proposta do secretario xeral local, Aitor Bouza, de se abster no Pleno. A representación do PP (11) votou en contra.

 A Ordenanza aprobada, no marco da modificación puntual do PXOM aprobada en febreiro de 2023 (é dicir, co anterior goberno), considera só compatíbel co uso residencial os alugueiros de tempada (inferiores a un ano) por razóns de estudos ou laborais e máis a dedicación da vivenda ao uso turístico non máis de 60 días (sempre que os estatutos de cadansúa comunidade de propiedade horizontal non o prohiban) ou cinguida a determinados cuartos dentro da vivenda. É dicir, posibilita determinadas fórmulas de economía colaborativa que beneficien ás persoas propietarias, mais tenta contribuir a frear ou, polo menos, facer minguar un proceso que impide o acceso á vivenda en Compostela a milleiros de familias, cun 30% de incremento de prezos dende a pandemia e a tendencia sen freo a quitar as vivendas do mercado de alugueiro de vivenda habitual ou de tempada para dedicalas ao uso turístico.  

Sen dúbida a acaída decisión do grupo municipal socialista vai abrir unha crise importante, de resultas quizais imprevisíbeis na organización compostelá do PSdeG, mais o certo é que as causas últimas, de orde interna, xa pairaban na escena política local. Agora ben, a dirección local socialista ten desprezado un asunto que é fulcral na axenda deste goberno local e que semella vai enchendo cada vez máis as angueiras da cidadanía compostelá.

Goretti Sanmartín e o seu goberno local acertan ao priorizar as políticas de uso residencial. Mesmo ao intensificar estas políticas a respecto de eventuais previsións anteriores, porque a situación agravouse substancialmente nos últimos anos. Velaí a coincidencia doutras medidas coadxuvantes do goberno local, como o Rexistro de Soares ou o pulo á rehabilitación para uso de vivenda habitual pola empresa municipal de vivenda.

Cómpre salientar a necesidade de tentar recuperar para o uso residencial a Cidade Histórica, o que esixe tamén garantir un comercio minorista focalizado nas persoas residentes, hoxendía erradicado a prol de moitas tendas de trapalladas para turistas que non achegan valor. Velaí a moratoria temporal para a apertura de locais comerciais na Cidade Histórica proposta polo goberno local. Medida á que haberían continuar todas as que sexan precisas para atraer á mesma comercio de proximidade e persoas residentes, pagando rendas humanas.