Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

2025: o ano do medio ambiente á galega

2025 será un ano crucial para o medio ambiente en Galicia e para a Consellería que dirixo. Porque asumiremos, por fin, a xestión do noso litoral; porque daremos un novo impulso á nosa acción lexislativa, coa primeira norma autonómica sobre o clima e a que simplificará os trámites administrativos ambientais; e porque reforzaremos os nosos argumentos para exercer plenamente as competencias de meteoroloxía.

Non me cansarei de reivindicar que as comunidades somos suficientemente maduras para ocuparnos dos nosos territorios. Esa é a verdadeira cogobernanza. O litoral é un exemplo perfecto. Quen mellor que os galegos para encargarse da súa costa, a máis extensa de España?

Pechamos 2024 co gran sabor de boca de encarrilar, e xa era hora!, o traspaso da súa xestión. Pero estamos en febreiro do 25. Non podemos seguir perdendo o tempo: necesitamos xa os medios (materiais e humanos) e os expedientes e desenvolver a nosa Lei.

Na Xunta enfocámonos unicamente en traballar polos galegos. Non aspiro a facelo sen os paus nas rodas da esquerda e os seus satélites afíns. Pero, polo menos, que o Goberno central deixe de poñernos trabas. O que para eles é un xogo de intereses políticos, para nós é o noso deber como Administración.

Outro tanto sucede cos ríos cando se desbordan ou os encoros cando se baleiran. Dispoñemos de medios punteiros para anticiparnos a episodios extremos e alertar á poboación para lograr o máis importante: coidar vidas humanas. Non ten sentido, no Estado das Autonomías, duplicar esforzos e orzamento. MeteoGalicia e Augas de Galicia xa están vixiantes as 24 horas do día, os 365 días do ano. Non é arrogancia: é a realidade.

Empregaremos a futura Lei do Clima como vehículo normativo para defender a nosa postura. Será unha das normas que levaremos este 2025 ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación. A outra, a de administración ambiental simplificada, é fundamental para reducir trámites e cumprir, así, o mandato europeo de eliminar máis emisións contaminantes grazas ás enerxías verdes.

Neste eido, esperamos —aínda que non depende de nós— que este sexa tamén o ano en que a xustiza europea nos dea a razón fronte á insólita marea de paralizacións de proxectos eólicos provocada polo TSXG. E que sirva para acabar, dunha vez por todas, con este absurdo que frea a descarbonización.

Neste 2025 seguiremos ao carón dos concellos para mellorar as redes de saneamento e abastecemento; para protexer a nosa biodiversidade para profundar no fermosismo; e para mellorar as cifras de reciclaxe —coas novidades do aceite e o téxtil—. Só lles pedimos que arrimen o ombro. Do mesmo xeito, ampliaremos as Reservas da Biosfera; acometeremos os plans de conservación de todos os espazos naturais; e seguiremos paliando os estragos que causan o xabaril e o lobo —que o Goberno central debe retirar sen demora do LESRPE—.

Temos moitos retos por diante, pero contamos coa convicción de estar no camiño correcto para que Galicia siga sendo un refuxio climático.

Tracking Pixel Contents